Un manifesto suma apoios para un 25 de xullo unitario 

Suso de Toro, Xabier P DoCampo e Agustín Fernández Paz encabezan un manifesto que está a sumar apoios para a conmemoración dun Día da Patria unitario. As persoas asinantes solicitan ás forzas políticas que convoquen na unidade e sen patrimonializar o acto. 

Día da Patria 2014 [Foto: BNG]

Persoas do mundo da cultura son as primeiras asinantes do manifesto “O Día da Nación Galega, o Día de Tod@s” que botou a andar para xuntar apoios de cara á conmemoración dun Dia da Patria Unitario. Chaman á cidadanía a se sumar á defensa dunha mobilización unitaria, que conte co apoios de partidos e organizacións que se comprometan en non patrimonializar a data. Defenden a celebración dunha manifestación polas rúas de Compostela cunha faixa de cabeceira co nome da nación escrito e portada por “xente do común” que represente á maioría do pobo galego.  

Encabezado polos escritores Suso de Toro, Xabier P. DoCampo e Agustín Fernández Paz, o chamado  está tamén asinado polos escritores Xurxo Souto, Xavier Queipo, Mercedes Queixas, María Reimóndez ou Rosa Aneiros, polo editor Manuel Bragado, polo xornalista Xosé Manuel Pereiro, o guionista Carlos Ares, pola directora de cine e académica Margarita Ledo ou polo profesor e académico Henrique Monteagudo.

Diríxense a cidadanía e tamén a colectivos de todo tipo para que se sumen “sen exclusión previa ningunha” a un día de unidade que queren apoiado por partidos e organizacións políticas. “Pedímoslle ás forzas políticas que nos convoquen co exemplo da unidade cívica, renunciando a patrimonializar ninguén este acto de vital importancia na nosa historia”, defenden. 

Excepcionalidade que esixe unión

O manifesto recorre á excepcionalidade do tempo que vivimos para argumentar a necesidade dunha conmemoración conxunta. Sitúan como referente a resposta do pobo galego perante a catástrofe do Prestige, cando a sociedade foi quen de se organizar e dar resposta mostrando a súa vontade do país de existir por si mesmo. 

“Galicia precisa existir con forza para defender os intereses inmediatos e estratéxicos como nación. Sabemos da inmensa forza da unidade, do enorme potencial de ilusión e entusiasmo colectivo que poden xerar a defensa da nación e da soberanía. Estamos na hora de andar ese camiño”, sinalan.no que presentan como un chamado que nace da cidadanía. 

Coa mobilización conxunta procuran dicir “claramente que as divisións nos debilitan e nos encamiñan á insignificancia, mentres a unión multiplica as nosas forzas ara procurarmos as ferramentas necesarias que nos permitan dicir que queremos ser, que nos posibiliten a construción dun futuro de luz que non hipoteque a mañá de fillos e fillas”. 

Comentarios