O manifesto “pola unión” busca apoios para acadar un grupo parlamentar galego 

manifesto “Pola Unión” busca apoios na rede. Medio cento de persoas de distintos ámbitos son as primeiras asinantes. 

2015072518532780011
photo_camera 2015072518532780011

“Resulta inadiábel para o noso país a consecución dunha Candidatura Unitaria Galega encamiñada a obtermos un grupo parlamentar que, con personalidade xurídica propia, reivindique para a nosa Terra, con decisión e sen inxerencias alleas, o dereito a decidir todas as cuestións que atinxan o seu futuro”, defende o manifesto “Pola Unión” que está xa na rede co fin de recoller sinaturas que abalen a súa proposta unitaria de cara os vindeiros comicios ás Cortes Xerais. 

No breve texto, apenas unhas quince liñas, catro veces repítese “grupo parlamentar galego”, o que deixa á vista o eixo fundamental da iniciativa. O obxectivo é un grupo con independencia, que vele polos dereitos e intereses galegos e que “evite o risco, real, de Galiza ficar atrás e que, en resumo, combata pola nosa dignidade colectiva e polo que ninguén ten pensado regalarnos, téndomos ben presente que, ao longo da Historia, a unidade foi, é e será a nosa forza, a nosa inmensa forza como pobo”. 

Medio cento de sinaturas iniciais

O poema “Pola unión” de Curros Enríquez serve de adral ao manifesto que toma o seu nome e que sae con máis de cincuenta sinaturas de representantes de diversos ámbitos culturais, sociais e políticos. Nomes como Vítor Vaqueiro, Adela Figueroa, Xosé María Álvarez Cáccamo, Víctor Freixanes, Lois Diéguez, Uxía, Alba Cuba, Camiño Noia, Alfonso Álvarez Cáccamo, Miguel Anxo Fernán Vello, Suso Seixo, Encarna Otero, Ramóm L. Suevos, Carlos Quiroga, Marga do Val, Henrique Monteagudo, Quico Cadaval, Xaneco Tubío, Luís Álvarez Pousa, Joám Lópes Facal, Elvira Souto ou Manuel Lourenzo atópanse entre as primeiras sinaturas. Pódese asinar a través do blog no que se inclúe o texto completo do manifesto. 

Comentarios