Promoven un manifesto galego a prol do dereito a decidir dos pobos

A resposta galega aos manifestos presentados nos últimos días contra a liberdade democrática do pobo catalán a súa autodeterminación chegou hoxe da man dun texto titulado "Polo dereito a decidir"
Estelada, bandeira pola independencia de Catalunya

O manifesto "Polo dereito a decidir" realizouno un grupo de persoas "en solidariedade coa iniciativa catalá de someter a referendo a súa permanencia ou non no Estado español". Nel entenden que despois do apoio cidadán expresado o pasado 11 de setembro e dos posteriores pronunciamentos a nivel español "desde unha nación tamén enmarcada no referido estado como é Galiza" e "desde a esquerda consecuente" queren expresar a súa postura "favorábel ao devandito proceso soberano que o pobo catalán ten decidido poñer en marcha".

@s asinantes pensan que a postura económica e social de CiU "non debe servir como desculpa por parte de ningunha persoa que se considere de esquerdas para opoñerse ao dereito a decidir de Catalunya". Critican que "unha esquerda que non botou man do federalismo após a queda da ditadura franquista para se opoñer a un sistema político unitario e centralista, non está lexitimada para facelo contra as arelas de independencia que poidan existir". Salientan as "lecturas" que desde Catalunya se fixeron da Constitución para lle dar unha forma "plurinacional" e que "foron cepilladas". Por último cren que o "negacionismo respecto da historia das agresións do Estado español contra Catalunya" é unha postura que "renxe coa tradición da esquerda que soubo ver as acometidas contra os dereitos colectivos" chegando a alertar "dunha involución democrática alentada por chamamentos como estes, lexitimando ao Estado español para reprimir a expresión da vontade da sociedade catalá".

Critican que "unha esquerda que non botou man do federalismo após a queda da ditadura franquista para opoñerse a un sistema político unitario e centralista, non está lexitimada para facelo contra as arelas de independencia que poidan existir"

Manifestos

Hai uns días o xornal español "El País" publicou un manifesto asinado, entre outr@s, por Almodovar, Vargas Llosa e Elvira Lindo. Nel realízase unha chamada ao federalismo e asegura que non hai "espolio de España sobre Cataluña" e que os soberanistas o que queren é "violentar a lei democrática". O texto afirma que as agresións de España contra Catalunya son "manipulacións" e agachan "as consecuencias penosas para todos" dun futuro Estado catalán independente.

Con anterioridade a este manifesto publicouse outro de profesionais e xornalistas que no seu momento chegou a ter máis de cen sinaturas. Nel atácase a alianza CiU-PP e o "apoio reiterado ás políticas laborais máis regresivas da democràcia". Entre @s asinantes figuran Isabel Coixet, Antonio Franco, Carlos Jiménez Villarejo e Rosa Regàs. O vindeiro 8 de novembro presentarán en Barcelona un colectivo agrupado baixo o nome de "Crida a la Catalunya federalista i d’esquerres".

O último texto público en contra do dereito a decidir de Catalunya apareceu hoxe mesmo no xornal "El Mundo" co nome de "Con Cataluña, con España". Nel @s asinantes, moit@s repetid@s noutros manifestos, aseguran "estar preocupados polos últimos acontecementos que se produciron na vida política de Cataluña" e sinalan que a Constitución foi "un dos feitos políticos máis felices da nosa recente historia" polo que "a súa vixencia" nestes 34 anos "constitúe a garantía do período máis longo de convivencia democrática".

Comentarios