Un manifesto cidadán pide o apoio para Carril

Unha iniciativa social presenta a sinatura de 187 persoas entre elas a de Roberto Rivas, bombeiro xulgado por se opor ao despexo de Aurelia Rey.

Euvotoporcarril

Case dous centos de sinaturas de apoio á candidatura de Xosé Manuel Carril e o BNG-Asembleas Abertas que abranguen veciñanza, representantes do tecido asociativo e comercial local, escritoras e poetas, operari@s, estudantes e persoas xubiladas, entre outras. 

O manifesto, lanzado através dunha páxina web e presentado aos medios de comunicación diante do Teatro Rosalía de Castro, constitúe un "chamamento" á cidadanía co que as persoas asinantes emprazan a pensar "no futuro" da cidade herculina o vindeiro 24 de maio. 

"Contemplamos con estupor e alarma o grado de corrupción e clientelismo que alcanza a política do goberno municipal, mentres a maioría da poboación sofre as consecuencias da crise e aumenta o número de habitantes da nosa cidade que están nunha situación de verdadeira emerxencia social", sinalan. "Os mesmos que non dubidan en dilapidar o diñeiro público son os encargados de aplicar as políticas neoliberais que se traducen en recortes e perda de dereitos e liberdades, creando unha gran sensación de indefensión e inseguridade ante o futuro". 

"Valoramos a honradez das persoas que co noso voto chegan ás institucións poñendo estas ao servizo das reivindicacións cidadás", afirman

Neste senso, afirman valorar a "honradez das persoas que co noso voto chegan ás institucións poñendo estas ao servizo das reivindicacións cidadás" polo que "cara ás próximas eleccións municipais, decidimos apoiar a candidatura do BNG-AA na Coruña encabezada por Xosé Manuel Carril, acompañada por un programa de esquerdas e coherente". Aliás, acrecentan, "unha candidatura forte e solvente que recolle as sensibilidades dos barrios, incluíndo xente de diferentes e auténticos movementos asociativos e sociais". 

Entre as sinaturas salienta a do bombeiro xulgado por se opor ao desafiuzamento de Aurelia Rey, Roberto Rivas, o escritor Xabier P. Docampo, comerciantes do Mercado de Santa Lucía, en loita na defensa dos seus postos de traballo; operari@s do telemárketing, o músico Xurxo Souto ou a escritora Celia Armas, entre outras. 

Podes consultar a listaxe completa de asinantes premendo na seguinte ligazón

Comentarios