A manifestación unionista reúne decenas de miles en Barcelona

Os organizadores chaman a recuperar a senyera como “un símbolo de todos os cataláns” e demostrar que existe “unha maioría silenciada a prol da unidade de España”. Chegaron 180 autobuses e centos de persoas en tren procedentes do resto do Estado. Os manifestantes berran proclamas pola unidade de España e contra o Govern, como “Puigdemont á prisión”, “Trapero a la Modelo” ou "A por ellos".

(Imaxe: PP-CAT)
photo_camera (Imaxe: PP-CAT)

A manifestación unionista, convocada por Societat Civil Catalana este domingo en Barcelona, concentrou decenas de miles de persoas a prol da unidade do Estado español baixo o lema “Prou! Recuperem el seny(Abonda! Recuperemos o sentidiño). A marcha parte da praza Urquinaona con destino a Estació de França, onde o escritor Mario Vargas Llosa e o ex-presidente do Parlamento Europeo Josep Borrel serán os encargados de dar lectura o manifesto.

Minutos antes do comezo, ás 12 horas, centos camiñaban xa polas rúas con bandeiras españolas e catalás, mentres que outros se concentraban como mostra de apoio nas portas do cuartel da Garda Civil. Os organizadores chamaron a recuperar a senyera como “un símbolo de todos os cataláns” e demostrar coa marcha que existe “unha maioría silenciada a favor da unidade de España”.

Desde Societat Civil Catalana informaron da chegada de 180 autobuses a Barcelona e de centos de persoas en tren procedentes do resto do Estado. Segunda a Guardia Urbana, participaron 350.000 personas. Os manifestantes berraron proclamas pola unidade de España e contra o Govern, como “Puigdemont á prisión”, “Trapero a la Modelo” ou "A por ellos", segundo informa o diario ElNacional.cat. Algúns portan simboloxía franquista ou fan o saúdo fascista. Axentes dos Mossos d'Esquadra foron increpados. 


Participan nela numerosos representantes políticos de PP e Ciudadanos, na cabeceira da manifestación. O presidente dos populares cataláns, Xavier García Albiol, sinalou a marcha como “histórica” e dixo que “demostra que Puigdemont e Junqueras non poden falar en nome de toda Catalunya”. 


O líder de Ciudadanos, Albert Rivera, chamou a eleccións asegurando que “os cataláns deben votar nas urnas de verdade, e se non as poñen os golpistas debe facelo o Goberno”.  Pola súa banda, o secretario de Organización do PSC, Salvador Roca, participou para reclamar “sensatez, respecto ao Estado de dereito e, sobre todo, diálogo”, malia que o seu partido decidiu non acudir como organización.

Comentarios