Manifestación rexeita peche da factoría de armas da Coruña e exixe a Xunta que se implique

Varios centos de persoas percorreron nesta quinta rúas da Coruña para rexeitaren o peche de Santa Bárbara e na necesidade de apostar pola busca de negocio no ámbito civil. Namobilización tomaron parte representantes do BNG, EU e PSOE
santa barbara

Traballador@s de Santa Bárbara Systems marcharon a pé desde a fábrica de armas até a Delegación do Goberno na Galiza en rexeitamento ao anuncio da multinacional de pechar as instalacións coruñesas e do despedimento dos seus 180 empregados. Manifestantes insisten na viabilidade das instalacións e na necesidade de apostar pola busca de negocio no ámbito civil.

O responsábel da CIG, Xabier Rioboo, trasladoulle ao Delegado do Goberno as queixas polas declaracións feitas polo ministro de Defensa, desentendéndose totalmente das decisións de General Dynamics e do futuro das fábricas e os postos de traballo. A multinacional non é unha empresa “ao uso”, insisten, xa que conta cun status especial, debido a que o 95% da súa produción é para o Ministerio de Defensa, aséntase nuns terreos que son deste departamento, así como que o Grupo empresarial se estivo lucrando estes anos cos programas de financiamento destinados a Defensa e Industria. “O que non pode facer agora o ministro é escorrer o vulto”, asevera a CIG.

Igualdade de trato

 Dende o Comité de empresa volveuse reclamar para a fábrica da Coruña o mesmo trato que reciben as plantas de Murcia e Palencia –para as se está negociando unha saída fóra de General Dynamics-. “Se é necesario transformar o expediente de extinción nun expediente temporal para dar máis tempo e poder buscar unha alternativa, que se faga, pero non é de recibo que A Coruña se nos aplique un trato distinto”, denunciou Rioboo.

Nesta liña, durante a xuntanza, o persoal botou en cara aos representantes do goberno español e do Concello que permitan ese trato discriminatorio, cando en Murcia e Palencia, tamén con gobernos do PP, se buscan saídas alternativas. “Que pasa, que Galiza sempre ten que pagar os pratos rotos?”, inquiriu.

Fotos: Oscar Paris

Comentarios