Manifestación nacional pola loita das "liberdades democráticas plenas"

Varios centos de persoas participaron este domingo nunha marcha de ampla pluralidade ideolóxica na capital do país en solidariedade cos 12 militantes independentistas de Causa Galiza e de Ceivar que serán xulgados a partir desta segunda feira, 19 de outubro, na Audiencia Nacional.

manifestacion_jaro_18outubro_3 (2)
photo_camera A manifestación finalizou na Praza das Praterías de Compostela (Nós Diario)

"Nin ilegalizacións, nin encarceramentos. Xuízo político contra o independentismo galego" era o lema da faixa que encabezou a manifestación deste domingo en Compostela. Varios centos de persoas participaron na marcha que partiu da Alameda compostelá, camiñou até a esquina do Hórreo e transistou posteriormente polas rúas do casco vello até chegar á Praza de Praterías.

manifestacion_jaro_18outubro_3 (1)

Foi alí que Elvira Souto, membro de Esculca e histórica militante nacionalista e loitadora contra a represión, fixo unha intervención en que, tras retrotraerse á loita antifranquista, chamou a seguir loitando na actualidade polas "liberdades democráticas plenas". Un discurso que foi secundado polo artista Baldomero Iglesias Dobarrio Mero, outro histórico do nacionalismo galego.

A manifestación nacional deste domingo foi a culminación dunha intensa campaña, que contou co apoio do espectro político, sindical e asociativo do país, alén de numerosas personalidades da política nacional e internacional. A pluralidade ideolóxica da solidariedade expresada durante estes anos volveuse mostrar entre os participantes na marcha.

Portaban a faixa que a encabezaba Paulo Carril, secretario xeral da CIG; Antón Sánchez, portavoz nacional de Anova; Aurora Domínguez, nai do preso Eduardo Vigo; Marcos Maceiras, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Xosé Luís Rivas Cruz Mini, deputado do BNG no Parlamento nacional; Verónica Hermida, de Podemos; e Ximena González, da Marcha Mundial das Mulleres.

manifestacion_jaro_18outubro

Que é a Operación Jaro?

En 2015, a Garda Civil activou un operativo policial coa detención nos seus domicilios de nove militantes de Causa Galiza, alegando supostos vínculos "terroristas". Como consecuencia inmediata, a organización ficou ilegalizada durante 12 meses. Tres anos despois tamén son detidos outros tres militantes de Ceivar, que son integrados no sumario común.

Esta segunda feira, 19 de outubro, a Sección Terceira da Sala do Penal da Audiencia Nacional comeza a xulgar os 12 militantes das dúas organizacións. Enfróntanse a penas de cárcere que suman 102 anos, e que oscilan entre os catro e os 12 anos para cada un dos xulgados. Están acusados de "enxalzar" e "xustificar" o terrorismo por ─segundo argumenta a defensa─ facer un "traballo político ou de solidariedade con represaliados" ademais de por organizaren actos de memoria histórica independentista ou participaren en recibimentos de presos e presas.

A Fiscalía solicita ademais que as dúas entidades, Causa Galiza e Ceivar, sexa disoltas. Tamén se piden multas por un valor total de 348.000 euros, así como a inhabilitación para traballar nas administracións públicas e a suspensión do dereito a poderen participar nunhas oposicións ou ser candidatos nun proceso electoral.

O Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades Esculca elaborou recentemente un relatorio no que debulla as acusacións contra os 12 independentistas. Este informe xurídico conclúe que foron quebrantados "múltiplos dereitos fundamentais" dos acusados de Ceivar e Causa Galiza.

Comentarios