A Quintana, ateigada para 'Gañarmos o futuro'

Máis un ano, varios milleiros de persoas desfilaron polas rúas de Compostela este 25 de xullo con motivo do Día da Patria Galega. A manifestación convocada polo BNG baixo o lema 'Gañarmos o futuro' partiu pasadas ás 12 horas da Alameda con berros de "Galiza ceibe, poder popular".

quintana chea
photo_camera Público congregado na praza da Quintana, antes de comezar as intervencións políticas (Imaxe: Cedida)

Antes de principiar a marcha, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, apuntou en declaracións aos medios que o Día da Patria Galega 2022 "é especial, porque está marcado pola maior crise de prezos dos últimos 40 anos, e sabemos que hai unha maioría de galegos e galegas e que están a pasalo mal".

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, ao inicio da manifestación (Imaxe: Y.C.)
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, ao inicio da manifestación (Imaxe: Y.C.)

"Queremos dicirlles aos galegos e galegas que poden contar co BNG para que haxa unha saída xusta á crise", co fin de que "non a paguen os de sempre". Puxo de manifesto que o BNG "ten o seu proxecto para pór os galegos e as galegas por diante dos intereses das empresas eléctricas e da banca".

Apelou, así mesmo, a non permitir os "erros do pasado" e insistiu en pór en marcha "un proxecto para as traballadoras e traballadores, para as pequenas e medianas empresas, para as persoas que traballan no mar e no campo..." e apostou nunha "alternativa social para este país" e nun futuro no que sexa chave a mocidade, que "xa pasou dúas crises".

faixa
Goretti Sanmartín, Montse Prado, Néstor Rego, Ana Pontón, Carme Dasilva, Rubén Cela, Noa Presas e Lois Castrillo (Imaxe: Y.C.)

Solidariedade coas persoas afectadas polos incendios

Após defender que "outra política é posíbel", referiuse aos incendios que afectaron o interior da Galiza na última semana. Así, amosou "toda a nosa solidariedade" ás persoas que perderon a súa vivenda, aquelas que tiveron que saír das súas casas e a quen traballan na loita contra os fogos.

Pontón finalizou advertindo da necesidade de "pór en marcha un cambio para recuperar o medio rural, para recuperar o monte".

faixa 2
Pontón, no centro da faixa (Imaxe: Y.C.)

A líder do BNG desexou ás galegas e galegos un "feliz día, sintan como sintan a galeguidade". "Evidentemente, Galiza é unha nación, temos dereito a avanzar en igualdade a outras nacións do mundo, a traballar desde aquí por un mundo mellor e Galiza é un gran país que queremos construír entre todos", proclamou.

A manifestación da formación frontista volve contar coas delegacións internacionais convidadas. Nesta ocasión, destaca a presenza de Joana Mortagua (Bloco de Esquerdas), e as deputadas no Congreso Marta Rosique (ERC) e Mertxe Aizpurua (EH Bildu).

Ana Pontón encara este 25 de xullo sendo o último antes dun ano electoral no que a formación nacionalista deberá medir as forzas tras converterse no Parlamento galego en segunda forza política en xullo de 2020, ao superar ao PSdeG en votos e escanos.

Neste Día da Patria Galega, o BNG recupera tamén a tradicional comida de confraternización na Carballeira de Santa Susana e o Festigal, que tivo como prato forte ás Tanxugueiras na noite do 24 e que continúa ao longo desta segunda feira cun amplo programa de actividades.

Manifestacións independentistas

Media hora máis tarde partía a das asembleas abertas independentistas, asembleas a nivel comarcal que están a impulsar un proceso de “re-formulaçom” do independentismo, e ás 13 horas, facía o propio a mobilización convocada por Agora Galiza-Unidade Popular, Causa Galiza e o Partido Comunista pola República Galega baixo o lema "Independencia e socialismo".

Controis nas vías de acceso a Compostela

Previos á manifestación do BNG e á ofrenda ao Apóstolo da que toman parte os reis de España, o presidente da Xunta da Galiza e representantes do Goberno estatal, a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron controis en distintas vías de entrada na capital. Os da AP-9 provocaron longas fileiras de vehículos. Tamén hai numerosos efectivos das forzas e corpos de seguridade do Estado na zona vella de Compostela.

Comentarios