Manel Vázquez: "Apostamos en suprimir as provincias por obsoletas"

photo_camera Manel Vázquez

Cales son as tres ideas forza arredor das que debe pivotar o proceso de renovación do PSdeG?
O primeiro é que a militancia decida de abaixo a arriba nun proxecto de cercanía. Que a militancia sexa partícipe e a que constrúa o proxecto. De maneira esquemática apostamos pola recuperación das agrupacións locais; a elección pol@s militantes dos seus candidatos a través de listaxes abertas e primarias. Isto ligámolo en termos de proximidade co municipalismo, a participación cidadá e de defensa do público. 

A renovación que defende no PSdeG tamén a defende no PSOE ou, vería con bons ollos a continuidade de Rubalcaba á fronte do partido?
Nós o que estamos debatendo é a renovación do PSdeG. Os procesos do PSOE estanse dando, de feito en novembro temos unha conferencia política que marcará o seu futuro e que suporá unha reforma profunda.

Propón que as comarcas elixan @s candidat@s para cada proceso electoral...
Queremos que a militancia participe ao igual que a cidadanía para que uns recuperen a ilusión e outros a confianza.

Fala de suprimir as provincias, as deputacións e mesmo o Senado...
Isto recólloo do contacto coa militancia. A respeito das deputacións constitúe unha proposta face o modelo de Estado defendido polo PP. Apostamos en suprimir as provincias por seren administracións decimonónicas e obsoletas visando a eficiencia e eficacia dos recursos públicos. Defendemos un proxecto baseado nos municipios. 

Aposta en afortalar o autogoberno?
Viso un PSdeG máis galego no seo dun PSOE que defenda un federalismo asimétrico. Hai que dar un paso adiante nas autonomías. O PSdeG debe pular por resolver os problemas dos galegos porque somos maiores de idade. 

Comentarios