O mandato co menor ritmo lexislativo da Galiza remata con catro normas do PP sen aprobar

O presidente da Xunta, o popular Alberto Núñez Feixoo, disolveu este mes o Parlamento da Galiza pechando a lexislatura co menor ritmo de aprobación de leis desde que está vixente o Estatuto da Autonomía. Pese a súa maioría absoluta na Cámara do Hórreo, remata o seu mandato coa lei de impulso demográfico da Galiza, unha das promesas da campaña electoral de 2016, sen aprobar.  
Pleno no Parlamento da Galiza (Imaxe: Nós Diario).
photo_camera Pleno no Parlamento da Galiza (Imaxe: Nós Diario).

O programa electoral do Partido Popular para a candidatura de Alberto Núñez Feixoo en 2016 incluía diversas promesas lexislativas. Entre elas, "a primeira lei de agricultura" para dinamizar o rural ou unha "nova lei de emprego” para Galiza. Tamén unha lei galega de acuicultura, cuxo anteproxecto foi duramente criticado por diversos sectores do mar.

Algunhas destas normas ficaron na caixa de saída, outras quedaron no camiño. A lei de ordenación do territorio, a lei de pesca continental, a de museos e outros centros museísticos e a lei de impulso demográfico, unha das medidas de referencia do Executivo galego, non chegaron á votación parlamentaria. 

Impulso demográfico

O 28 de decembro de 2016, Núñez Feixoo daba os seus primeiros pasos dun terceiro mandato con maioría absoluta anunciando a lei de impulso demográfico da Galiza.  O daquela líder do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, instou ao Goberno a deixar de lado "medidas electoralistas" e poñer o foco no “aumento” do paro entre a mocidade e da "baixa execución" das partidas orzamentarias para o emprego.

A normativa foi mencionada de xeito intermitente. En marzo o PP asegurouna "nas vindeiras semanas" e o anteproxecto veu finalmente a luz a finais de xuño.O propio Consello Económico e Social (CES) da Xunta criticou a falta de concreción das medidas plasmadas no documento, as mesmas críticas que apuntaron os grupos da oposición. "No anteproxecto presentado abundan os compromisos moi xenéricos, desvirtuándose o alcance real que tería que ter esta lei", suliñouse no informe do organismo dirixido polo popular Agustín Hernández. 

Museos, pendentes

A lei de museos chegou herdada do mandato anterior e, de novo, a Xunta non foi capaz de levala a porto. O pasado decembro, Feixoo e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, avanzaron a súa aprobación na Cámara galega no primeiro semestre de 2020, despois de que o Executivo galego dese luz verde ao proxecto.

O texto proxectaba a creación dun Sistema Galego de Centros Museísticos e a incorporación dunha nova categoría de centro: os espazos de interpretación do patrimonio cultural. Porén, a chegada desta "nova" e "pioneira" norma foi interrompida pola convocatoria electoral e a disolución do Parlamento.  

Territorio e pesca

Outra norma aprobada polo Executivo no mes de novembro e que quedou ás portas do trámite parlamentario foi a lei de ordenación do territorio. Con ela, o Goberno galego prevía substituír unha norma que data de 1995.  "Con este texto, podería dicirse que culminamos toda a ordenación urbanística da Galiza", asegurou Núñez Feixoo. O presidente e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, aseguraron que o texto apostaba pola "simplificación administrativa". Durante o transcurso dun pleno o deputado polo Grupo Común de Esquerda Antón Sánchez acusou o Goberno popular de promover "pelotazos urbanísticos".

O marco lexislativo da pesca continental vixente tamén ten máis de 25 anos. Ánxeles Vázquez destacou en maio de 2019 a importancia para o sector da súa renovación, mais esta terá que agardar as eleccións e a constitución dun novo Goberno galego.

O o Goberno de Feixoo remata a lexislatura cun balance de 22 leis aprobadas. É o menor ritmo lexislativo da Galiza desde a aprobación do Estatuto de Autonomía, a pesar de que o PP conta coa maioría absoluta na Cámara galega. O Executivo ligou este baixo ritmo á "inestabilidade" do Goberno central ou á "procura de diálogo" co resto de forzas políticas do Parlamento e axentes sociais.
 

Comentarios