O PP lexisla para o seu eleitorado máis ultra

Após dous anos á fronte do goberno español, boa parte das reformas lexislativas promovidas polo PP fan chiscadela ao sector máis duro do partido e restrinxen dereitos á cidadanía.

Algunhas delas aínda están pendentes de aprobación. Outras contan xa co visto e prace do poder lexislativo, embora seren aprobadas unicamente cos votos favorábeis do grupo que apoia o goberno. Revisamos as reformas lexislativas máis recentes e máis polémicas do Partido Popular. 

LOMCE. A Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) conseguiu por vez primeira unir a todos os sectores da comunidade educativa. Mais non o fixo arredor dunha mesa de negociación, senón nas rúas. Alcumada na Galiza como a Lei da 'Wertgoña' foi merecente mesmo dun vídeo musical que amosou o rexeitamento do estudantado, profesorado e Anpas á reforma estrela do Ministerio de Educación.


Duramente criticada pola súa vontade "españolizadora" e pola elitización que suporá do ensino regrado, foron numerosos os protestos e folgas que paralizaron o ensino contra unha norma que, din desde as organizacións sindicais, "retrotrae a educación" até o franquismo. Introducirá de novo as reválidas, reducirá entre un 45% e un 35% a autonomía dos territorios en materia educativa; financiará con fondos públicos o ensino privado e outorgará 'liberdade' aos centros para determinar cantas horas se impartirán na lingua propia. 

Reforma do Código Penal. Actualmente en proceso de tramitación parlamentar, é un dos cabalos de troia do Ministerio de Xustiza español. Xunto coa aplicación das taxas xudiciais que limitarán o acceso das clases populares á xustiza, Alberto Ruíz Gallardón abandeira algunhas das reformas máis duras e controvertidas que visa aprobar o Goberno de Mariano Rajoy.

A reforma do Código Penal instaura a cadea perpetua encuberta e tipifica accións de protesta como delitos

Embora ser o español un dos Códigos Penais máis duros de Europa, o Partido Popular tirou de proxecto de lei e propuxo dúas grandes mudanzas coa reforma, a fixación da prisión permanente revisábel e da custodia de seguridade. Dous elementos que, alertan, suporán unha cadea perpetua encuberta. Aliás, tipificará como delitos accións de protesta que até o momento eran consideradas como faltas, entre elas, a ocupación simbólica e pacífica de entidades bancarias, o encadeamento para impedir un despexo ou convocar mobilizacións a través das redes sociais en determinados supostos. 
 

Penalización do aborto. Foi a máis anunciada e está a ser a máis agardada. A derrogación da Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo aprobada polo Parlamento español en 2007 era unha das promesas electorais coas que o PP concorreu ás eleccións. Mais o ministro de Xustiza --que será o encargado de a tramitar en troca do de Sanidade-- non limitará a súa reforma á re-implantación da lei de supostos de 1985. Alberto Ruíz Gallardón prevé re-penalizar o aborto e suprimir a súa legalidade mesmo en casos de malformación do feto.

O movemento feminista encabeza desde o seu anuncio unha importante batalla a prol dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. Un combate que podería repuntar a vindeira sexta feira, cando o Consello de Ministr@s, previsibelmente, aprobe o anteproxecto de lei. As organizacións feministas e os grupos da oposición denuncian que detrás desta nova lei está a Conferencia episcopal e os grupos anti-abortistas e exixen ao Goberno de Madrid que dea marcha atrás e non aboque a milleiros de mulleres a prácticas clandestinas. 
 

Lei de Seguridade Cidadá. Foi a máis recente en ser proxectada mais tamén está a ser das máís criticadas. O Partido Popular presentou un proxecto lexislativo que visa mudar a coñecida como Lei da patada aprobada polo daquela ministro Corcuera (PSOE) en 1990.

A nova lei sancionará con miles de euros as "ofensas a España"

En virtude da nova lei sancionaranse as condutas que constitúan "ofensas a España" até con multas de 30.000 euros, tamén así será obxecto de sanción "insultar" a un axente das Forzas de Seguridade do Estado ou mesmo "obstruír" o labor destes cando unha familia é despexada. Aliás, prevé limitar o dereito de manifestación a través de espazos en que estas non poderán desenvolverse --como os escrachos. Para moit@s, un asalto á democracia e aos dereitos civís e políticos máis elementais nun momento en que o propio goberno e as institucións españolas están fortemente cuestionados.

Comentarios