De “malgasto bochornoso” a “investimento imprescindíbel”

Na campaña electoral de 2009, o daquela director da candidatura de Alberto Núñez Feixoo e secretario xeral do Partido Popular, Alfonso Rueda, utilizou como arma contra o bipartito a reforma levada a cabo na sede da Xunta en San Caetano. Segundo el, os catro millóns de euros investidos eran “propios do sultán de Brunei” e un “escándalo maiúsculo”. Dez anos despois, o hoxe conselleiro de Administracións Públicas cambia radicalmente de postura e defende a “necesidade” dun investimento máis de sete veces superior ao criticado. Eis un extracto da información publicada ao respeito no número 360 do semanario en papel Sermos Galiza.
f_4_Politica
photo_camera [Imaxe: Xunta] Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta

m_4_PoliticaA área sanitaria da Coruña agrupa máis de 550.000 persoas de 36 municipios diferentes, das que o CHUAC é o seu centro de referencia. Nel leváronse a cabo durante os últimos cinco anos obras que conduciron á apertura da novo servizo de urxencias, do departamento de radiodiagnose e dun novo bloque cirúrxico por un custo total de 29 millóns de euros, exactamente a mesma cantidade que a Xunta de Galiza dedicará á reforma interior da súa sede en San Caetano.

É tan só un exemplo para calibrar a magnitude dun investimento moi criticado pola oposición, pero defendido con unllas e dentes polo PP, pese a que unha década antes considerara que os catro millóns de euros dedicados polo bipartito –sete veces menos– á reforma da área de Presidencia foron un “malgasto bochornoso”, “propio do sultán de Brunei”, “dunha estrela de cinema” ou “de xente empeñada en vivir a corpo de rei co diñeiro de todos”. Chegaron a dicir que o gasto no mobiliario foi un “delito moral” e un “insulto á dignidade dos galegos”, por ser subministrado por empresas catalás, unha orixe que xa non parece molestar entre os populares, xa que MIBA Architects –os encargados xunto a Díaz&Díaz de desenvolver o proxecto gañador do concurso de ideas para a reforma do complexo administrativo de San Caetano– ten a súa sede no barrio de Gràcia, en Barcelona.

A cabeza visíbel desas críticas era Alfonso Rueda, actual responsábel máximo, nas súas propias verbas, dunha “modernización” na que xa se levan investidos seis millóns e medio de euros en concepto de actuacións exteriores e de “eficiencia enerxética”, como a substitución de máis de 1000 fiestras ou de case 4000 luminarias. Xunto cos 29 millóns previstos na reforma interior –cuxo inicio está planificado para maio do 2020– e os entre 20 e 30 que prevén gastar despois das próximas eleccións galegas en reconverter a estación de autobuses de Santiago en sede administrativa cando esta sexa trasladada para a nova intermodal, deixan un desembolso total en San Caetano que podería estar ao redor dos 65 millóns de euros.

Unha cantidade que para Paula Prado, vicevoceira parlamentaria do PPdeG, “non é un gasto, senón un investimento”. “Son moitos os funcionarios que traballan nese edificio, e todo o que sexa mellorar as súas condicións de emprego non nos parece que sexa un gasto inútil. Quizais os grupos da oposición estean moi cómodos nos seus despachos do Parlamento, pero pode que tamén os funcionarios precisen ter máis comodidades nos seus postos”, alega en declaracións a Sermos Galiza. Prado apostila que esa “mellora” nas condicións dos funcionarios repercutirá, asemade, positivamente na atención á cidadanía: “Calquera persoa que estea contenta no seu posto de traballo transmite máis tranquilidade á hora de atender a xente. Cando un está incómodo, loxicamente está de peor humor”, sostén.

[Podes ler a información íntegra no número 360 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios