Análise

Malestar de alcaldes do PP con Baltar

Os problemas acumúlanselle a José Manuel Baltar. Malia fechar a posibilidade dunha moción de censura na Deputación de Ourense, tras sumar o apoio da ex representante de Ciudadanos Montse Lama e de recuperar o favor Democracia Ourensá, o barón do PP enfronta a contestación dunha parte dos rexedores  do partido.
O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

José Manuel Baltar libra a súa guerra en varias frontes. A unha banda, tenta recuperar a estabilidade na Deputación de Ourense, colocada nunha situación inédita após perder o Partido Popular a maioría absoluta no organismo despois dos resultados dos pasados comicios locais. Por outro lado, precisa tecer acordos co alcalde ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, asumindo os custos desa operación diante dunha parte da súa parroquia, convencido de que a súa continuidade política está nas mans do rexedor. Ao tempo, debe responder ao malestar de parte dos alcaldes do PP na circunscrición, descontentos co trato recibido desde a Deputación.

O malestar dun grupo significativo de rexedores populares con José Manuel Baltar non é novo, mais nunca se ten manifestado tan abertamente como agora. Estes alcaldes critican o trato discriminatorio aos seus concellos por parte do Goberno da Deputación de Ourense e acusan Baltar de favorecer só aqueles municipios presididos por persoas que, ao tempo, son deputados na corporación provincial. A este respecto, pon como exemplo os investimentos recibidos polos seus concellos no Plan único da institución, nas súas palabras moi inferiores a aqueles municipios dirixidos polas persoas do círculo de confianza de Baltar.

Diferenza de trato

Os alcaldes populares pon tamén o foco nos dirixentes do partido que partillan con Baltar responsabilidades de Goberno. A este respecto, un alcalde do PP dun concello ourensán que quere preservar a súa identidade critica como o seu municipio “recibe unhas axudas da Deputación non moi superiores aos dos concellos gobernados polo PSOE ou o BNG” e contrapón estes investimentos cos achegados “a Boborás, Oímbra ou Muíños, onde os alcaldes son membros da Xunta de Goberno da Deputación”. “Definitivamente é certo aquilo de que quen parte e reparte leva a mellor parte pero a responsabilidade é de Baltar, que é quen ten a última palabra e debe mirar polos seus por igual”, afirma este rexedor. 

“Baltar non ten a capacidade nin a calidade humana do pai”, lamenta outro alcalde da circunscrición, quen se queixa de que o actual presidente dos populares ourensáns “tarda en recibirnos, non nos colle o teléfono e obríganos a gastar corredor na Deputación para nada”. “É o día e a noite co pai. O vello era accesíbel, servizal, sempre disposto a botar unha man e preocupado pola xente. Este é soberbio, prepotente e vai ao seu. Nótase que llo deron todo feito”, continúa este rexedor, moi crítico coa xestión de José Manuel Baltar, a quen responsabiliza dos problemas do PP. “Na política non se pode ser caprichoso porque os caprichos acaban por pasar factura cando menos o pensas”, conclúe este veterano alcalde do PP. 

As formas de Baltar

As queixas contra Baltar non se cinguen aos cargos institucionais do partido. Malia que ninguén cuestiona abertamente a súa xefatura nunha organización articulada arredor do Goberno da Deputación e da lealdade persoal ao seu pai, a súa falla de sintonía cunha parte da afiliación e dos cadros da formación é clara. Mesmamente, fontes populares explican o descenso de voto das pasadas eleccións locais como consecuencia da “política de brazos caídos” de sectores da militancia contrariados co seu estilo. “A ourensanía non chega para gañar eleccións”, sinala un vello militante do PP.

As discrepancias con Baltar e as reunións que están mantendo algúns destes alcaldes críticos son unha expresión da debilidade do barón popular.

Precisamente, xorden após diversos procesos electorais onde o PP retrocede na circunscrición e tras unha tentativa de moción de censura promovida desde as filas do PSOE, que ten obrigado Baltar a pactar con Gonzalo Pérez Jácome, apoiándoo no concello, e na Deputación coa antiga representante de Ciudadanos Montse Lama, na pasada lexislatura deputada do PP e concelleira en Xinzo de Limia. Segundo diversas fontes, o pacto de Baltar con Lama anticipa o retorno desta ao PP.

A organización local do PP de Ourense representa outra fronte aberta para Baltar. A cidade é a tradicional pedra no zapato da clan Baltar, onde historicamente os cabezas de cartel dos populares resisten o control do mandatario da Deputación. A propia situación do grupo municipal na cidade, co ex alcalde, Jesús Vázquez, e a portavoz, Flora Moure, -ambos os dous próximos a Feixoo- confrontados ao barón provincial é un exemplo doutra ferida interna, agrandada pola necesidade de garantir a maioría a Jácome.

Feixoo, o avalista de Baltar

A Deputación é o pau de palleiro sobre o que o PP articula o control político da circunscrición de Ourense. É a ferramenta política empregada desde décadas polo clan Baltar para asentar unha sorte de réxime orientado a perpetuarse no poder e que ten posibilitado aos populares as súas maiorías na Galiza.

En definitiva, manter o seu Goberno é unha cuestión central para o propio Feixoo, avalista necesario en todas as decisións de Baltar.

Comentarios