Máis renuncias nas candidaturas socialistas por Galiza ao 28-A

Eva Maldonado, elixida na provincia de Ourense para liderar a candidatura ao Senado pola provincia, fora relegada na confección de listas feita polo Comité Federal do PSOE.

(Imaxe: @sanchezcastejon)

Eva Maldonado renuncia a facer parte da candidatura do PSOE ao Senado pola provincia de Ourense para as eleccións xerais do 28-A. Unha decisión que adopta após ser 'relegada' a número tes cando foi, afirma, “a candidata máis proposta e votada polas bases socialistas na provincia de Ourense para encabezar a lista ao Senado do PSOE".

Esta decisión súmase á dimisión de José Ángel Vázquez Barquero como candidato á alcaldía de Ourense, tamén en desacordo co Comité Federal Socialista e a súa modificación da súa proposta para as municipais do 26 de maio.

"Após conseguir o apoio maioritario da militancia da miña provincia e ser ratificado este por o Comité Provincial, a proposta elevouse desde a Executiva Nacional Galega ao Comité Federal de listas onde, para a miña sorpresa, o secretario xeral de Galiza, Gonzalo Caballero, propón alterar a orde elixida polos meus compañeiros para deixarme en terceiro lugar da lista á Cámara Alta sen motivo nin razón algunha", denuncia Maldonado. Tamén renuncia a ir de número oito nas listas ás municipais en Ourense.


Os órgaos federais do PSOE, controlados por Pedro Sánchez, deron un golpe de man ao alterar as listas da formación, non só para as xerais e as europeas, tamén para as municipais. Na Galiza Gonzalo Caballero é quen tira proveito do dedazo de Sánchez.

Comentarios