Máis eucalipto e sen innovación nos proxectos "modernizadores" de Feixoo

"Opacidade", di a oposición ao falar dos proxectos que a Xunta está a anunciar que remite a Madrid para captar fondos Covid-19 da UE. Feixoo anunciou a remisión de 108 propostas para as que busca investimento público-privado e que fan temer que se tornen nun rescate con fondos públicos a grandes empresas e ignoren as pemes. 
Alberto Núñez Feixoo no Consello da Xunta (Fotos: Arxina)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo no Consello da Xunta (Fotos: Arxina)

O Consello da Xunta aprobou, na súa reunión desta quinta feira 22 de outubro, o envío ao Goberno estatal de 108 proxectos para optar a axudas dos fondos europeos de recuperación. Así o anunciaron, após a reunión do Executivo galego, tanto o presidente Alberto Núñez Feixoo como o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde.

"Haberá máis" destes 108 proxectos, anunciou Feixoo, e poden ademais ser reformulados. Algo que debera ser obvio xa que a Xunta envía estas propostas sen aínda facérense públicos os requirimentos que os regularán, tanto por parte do Goberno español como da Unión Europea, algo que o propio Feixoo recoñeceu. 

Con estas 108 iniciativas "de colaboración público-privada", segundo dixo o presidente, a Xunta pretende captar máis de 9.400 millóns de euros. 
Hai unha semana que Feixoo enviou a Pedro Sánchez sete borradores de proxectos tractores e iniciativas para optar aos fondos europeos (dentro das cales se enmarcarían agora estas 108 propostas) e que versan sobre a posta en marcha dunha planta de hidróxeno verde; un centro para o impulso da economía circular; a fabricación de fibras téxtiles a partir de madeira e a instalación dunha nova potencia renovábel, entre outras.

Feixoo, ao rescate público das grandes corporacións

A oposición leva semanas denunciando a "opacidade" destas propostas que Feixoo anuncia ante a prensa e das que non se dá conta a nivel parlamentar, como o feito de que se abran os proxectos á participación empresarial sen concursos nin convocatorias. 

Este feito alenta as sospeitas da oposición de que as iniciativas de Feixoo vaian dirixidas a "rescatar" as grandes corporacións que operan na Galiza en lugar de dirixirse ao tecido empresarial maioritario no país: a pequena e mediana empresa.

"Falta estratexia e sobra literatura”, denunciou a este respecto a líder da oposición e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que criticou a falta de transparencia nos proxectos anunciados sen que se coñezan criterios, obxectivos nin a quen benefician. “Esa opacidade fainos pensar que os recursos van ir a un puñado de mans, ás das empresas do IBEX35, deixando de lado o tecido empresarial galego, a pequena e mediana empresa, os sectores produtivos, os autónomos”, indicou, tras preguntarse quen está redactando os proxectos: “a Xunta ou consultoras privadas pagadas polas grandes empresas e multinacionais?”.

Celulosas e eléctricas

As sete iniciativas e proxectos tractores que Feixoo enviou a Sánchez a semana pasada teñen nomes de vangarda mais tamén apuntan a nomes de corporacións e con pouco disimulo, e non só porque o presidente e director executivo de Inditex, Pablo Isla, estivese xunto a Feixoo na primeira fila do foro en que a semana pasada o mandatario galego expuxo o borrador de proxectos.

Así, por exemplo, baixo o proxecto de crear un centro de fabricación de fibras téxtiles sostíbeis a partir da madeira, tal e como reza o título dunha das iniciativas, todo apunta a un impulso millonario para Ence. Revístese de xestión sostíbel do monte o que en realidade é pular e potenciar máis plantacións de eucalipto para xerar continuas toneladas de fibra de celulosa con destino ao téxtil. 

E que hai detrás do hidróxeno verde? Como ben analiza o biólogo Ramón Varela nun recente artigo a propósito dos proxectos tractores, a xeración do hidroxeno obtense a partir dun proceso químico de electrólise que precisa dun alto custo de produción e grandes cantidades de electricidade. Así, afóndase na Galiza nas empresas electrointensivas como modelo case único. Aliás, fabricar hidróxeno verde require, como indica o biólogo, producilo a partir de fontes renovábeis e con excedentes, é dicir, máis muíños eólicos nun país inzado xa deles. 

Feixoo quere os créditos da UE que xeran débeda

Após as longas negociacións na Unión Europea sobre os fondos de reconstrución, o presidente Pedro Sánchez anunciou en xullo que o Estado español optaría a 140.000 millóns de euros, dos que 72.700 millóns se darían en axudas directas (non as hai que devolver á UE) e o resto en créditos, os cales xeran débeda e si habería que devolver.

Como esa segunda parte aínda se pode solicitar até xullo de 2023, a Moncloa non ten pensado pedirla polo de agora e tampouco no futuro se non fose precisa. Esta decisión, que transcendeu esta semana na prensa de Madrid, non gustou a Feixoo, que defendeu contra vento e marea a necesidade de solicitar tamén os recursos que xeran débeda. Outras potencias europeas como Portugal ou Francia tamén descartarían, nun comezo, optar polos fondos que hai que devolver e que endebedan.

Feixoo saca peso ao surto en Oncoloxía

"Houbo un surto, automaticamente fíxose un cribado, saíron pacientes e profesionais positivos. Os pacientes foron enviados á zona Covid-19 e os profesionais corentenados", desta maneira zanxou Feixoo a pregunta dos medios sobre o gromo no Hospital Provincial de Pontevedra detectado na área de Oncoloxía e que afectou máis dunha vintena de pacientes e profesionais.

Mais os tests rápidos que se están a realizar ao persoal sanitario da Galiza seguen no punto de mira dos profesionais. Nós Diario recollía na cuarta feira denuncias deste sector que aseguraban que Medicina Preventiva ignora resultados positivos que segundo os protocolos poderían indicar infección activa.

Feixoo tamén enxalzou a súa medida de realizar tests en farmacias de Ourense, moi criticada pola falta de seguranza e por implicar un desvío de cartos da pública. 

Comentarios