O BNG apresenta unha proposta de resolución no Congreso para que se recoñeza a soberanía de Galiza

O debate de política xeral aínda ten o último capítulo por fechar, o do debate e votación das propostas de resolución. Será no Pleno desta vindeira terza feira. O BNG apresenta diversas propostas, entre elas unha visando o recoñecimento da soberanía de Galiza.

Mariano Rajoy non apelou no seu discurso sobre política xeral nin unha soa vez a Galiza. Aliás, cando o fixo en resposta á portavoz do BNG no Congreso español, Olaia Fernández Davila, investiu 7,5 minutos. Neste senso, a voceira nacionalista recuncará a vindeira semana cun conxunto de proposicións de resolución que exixirán ao executivo de Mariano Rajoy dar solución a boa parte dos conflitos abertos en Galiza. Asemade, demandará a derrogación da reforma laboral, a lei de taxas xudiciais e do repagamento sanitario.

Davila exixirá a derrogación da reforma laboral, a lei de taxas xudiciais e do repagamento sanitario

Davila denunciou na súa intervención perante o presidente español, as consecuencias que a xestión de Goberno do Partido Popular están a supor para as maiorías sociais. Neste senso, as propostas de resolución presentadas polas nacionalistas na Cámara baixa procurarán que a equipa de goberno en Madrid dean marcha atrás en boa parte das medidas impulsadas neste primeiro ano de mandato. A reforma da lei hipotecaria á fin de rematar cos desafiuzamentos ou o aumento do investimento social para garantir servizos públicos e de calidade son algunhas das cuestións que centran a batería de medidas presentadas polo BNG.

Aliás, Davila exixirá ao executivo de Mariano Rajoy "un Plan de actuación específico" que pule polo sector naval galego. Entre as propostas a voceira nacionalista exixe o levantamento do veto á construción civil imposto a Navantia ou a garantía de se construír o dique flotante no porto exterior da Coruña. Tamén así, a aplicación "inmediata" do Tax Lease.

O BNG demandará o recoñecemento da soberanía nacional para Galiza, Euskal Herria e Catalunya

O rexeitamento ao Acordo pesqueiro entre a UE-Mauritania que exclúe á frota cefalopodeira galega ou a revisión das cotas pesqueiras que prexudican á frota de baixura do país.

Soberanía nacional para Galiza
Así mesmo, a portavoz do BNG, rexistrou unha proposición encamiñada a demandar o inicio dun "proceso de diálogo con todas as forzas políticas para acometer a necesaria reforma da Constitución". Davila exixirá "o recoñecemento da soberanía das nacións" sen Estado como Galiza, Euskal Herria e Catalunya. Porén, tamén demandará que o debate aborde "a situación da Coroa".

Comentarios