O lema, "Isto vai de democracia"

Máis dun cento de persoas apoian no Obradoiro a convocatoria do referendo catalán

O escritor Suso de Toro leu un manifesto no que reclama ao Goberno un cambio de actitude

suso de toro

Máis dun cento de persoas amosaron esta mañá na Praza do Obradoiro o seu apoio á convocatoria dun referendo en Catalunya, medida anunciada onte polo president da Generalitat, Carles Puigdemont, para o vindeiro 1 de outubro. Baixo o lema "Isto vai de democracia", perto dunha vintena de colectivos, asociacións, partidos e sindicatos citáronse na praza para manifestar o respaldo á consulta sobre a relación de Catalunya co Estado ao entenderen que "se trata dun dereito básico da cidadanía como o de poder votar". 

O escritor Suso de Toro foi o encargado de ler un manifesto en catro linguas -galego, castelán, catalán e inglés- no que se asegurou que "non se pode construír un país democrático sometendo os seus cidadáns pola forza" e que o Estado ten a obriga "de protexer os seus cidadáns, non de encerralos". Os asistentes, entre os que se atopaba a eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego, Ana Miranda; a deputada galega pola mesma formación, Montse Prado, ou o membro da coordinadora de EnMarea, Mario López Rico, contaron coa presenza da senadora do PDdeCAT, Beth Abad, que asegurou, no momento en que os participantes estaban depositando o seu voto simbólico nunha urna instalada no decurso do acto, que aínda non perde a esperanza de que o Goberno español se sente coa Generalitat para atopar unha solución satisfactoria para as dúas partes. 

Comentarios