Máis unha corrente de Compromís vota en contra de coligarse con Podemos para as xerais

Un 60,3% das bases de 'Gent de Compromís' votaron a prol de concorrer a esas eleccións coa marca en solitario de 'Compromís'. É a segunda negativa, após a do Bloc Nacionalista, a ir a eses comicios co partido de Pablo Iglesias.

compromis

As bases de 'Gent de Compromís' falaron con claridade no referendo convocado para que a militancia desta corrente interna de 'Compromís' opinase sobre baixo que fórmula concorrer ás eleccións xerais. Segundo informa 'La Veu', un 60,2% escolleron que 'Compromís' vaia en solitario fronte un 39% de partidarios de acudir coligados con Podemos. Na consulta tomaron parte por volta do 60% dos máis de 850 militantes desta corrente.

O medre da militancia de Gent de Compromís (GdC) fai que na actualidade sexa a corrente máis solida e forte entre @s afiliad@s a Compromís que non fan parte dos partidos que integran esta coligazón: Bloc Nacionalista Valenciá, Iniciativa e Os Verdes.

A comezos de mes, e nun referendo interno, a militancia do Bloc Nacionalista Valenciá optou por non facer parte dunha mesma oferta eleitoral con Podemos(o 74% -1.133 votos-) face o 26% de apoios -399 sufraxios- á entente coa formación de Pablo Iglesias.

Os resultados porcentuais de Bloc e Gent manifestan con claridade o desexo de non pactar con Podemos, circunstancia que complica a decisión final da coligazón no seu vindeiro Consello Xeral. A executiva de Compromís podería optar, sinala La Veu, por un referendo global para militantes e simpatizantes de carácter vinculante.
 

Comentarios