Máis de 800 persoas e perto de 30 colectivos asinan os 'principios básicos' propostos por Mareas en Común

Ames acolle este sábado a primeira fase do que denomnan 'Marea Viva', un espazo para facilitar a confluencia das “forzas do cambio nas eleccións galegas”.

mareas marín Foto Pontevedra Viva
photo_camera mareas marín Foto Pontevedra Viva

Máis de 800 persoas e perto de 30 colectivos asinaron xa os 'principios básicos' propostos por Mareas en Común para unha confluencia de cara ás eleccións galegas do Outono. As Mareas en Común son un proceso formado por iniciativas municipalistas de diferentes partes de Galiza que apostan por “traballar en común para apoiar un proceso de confluencia capaz de gañar o goberno da Xunta nas vindeiras eleccións autonómicas e poñer esta institución ao servizo da xente”. Son 7 os principios básicos que propoñen para alicerzar este proxecto: Garantía efectiva dos dereitos humanos, Radicalidade democrática, Transparencia e loita contra a corrupción, Feminización da política e loita contra calquera tipo de discriminación, Defensa da lingua e cultura galega e do patrimonio, Protección do ambiente e o benestar animal, Defensa do común, Máis autogoberno e mellor vertebración territorial.

Convidados

Este sábado, en Bertamiráns (Ames), terá lugar a primeira fase do que cualifican como 'Marea Viva', e que propoñen como “un espazo constituínte pensado para facilitar a confluencia das forzas do cambio nas eleccións galegas”. Nesta xornada, co nome de Marea Baixa, apostan en que se acorde a fórmula para deseñar un proceso de primarias, un código ético para as persoas que ocupen cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno que rexerán o traballo alén da campaña electoral. 

Á este encontro foron convidadas, informan os organizadores, Anova, Esquerda Unida, Podemos Galicia, Cerna, Espazo, EQUO Galicia, Anticapitalistas Galiza, Foro Galego, Foro O BenComún “e outras organizacións que teñen expresado o seu desexo de traballar pola confluencia”.

Comentarios