Após as eleccións xerais falidas do 20D

Máis de 2,25 millóns de galegos e galegas, chamadas, de novo, ás urnas

Ás 9h deste domingo abriron os colexios electorais que, seis meses após o 20D, recollerán até as 20h os votos que elixirán os 23 escanos por Galiza no Congreso e as representantes no Senado. Máis de 2,25 millóns de galegos e galegas están chamadas ás urnas.

Urnas.
photo_camera [Imaxe: RTVE] Urnas

Nos 314 concellos galegos constituíronse 3.924 mesas electorais, dez menos que nas eleccións xerais falidas do 20 de decembro. Nas mesas –repartidas por circunscricións da seguinte maneira: 1.537 na Coruña; 557 en Lugo; 548 en Ourense e 1.342 en Pontevedra- depositaranse os votos que darán entrada a 23 parlamentares no Congreso -8 pola Coruña, 7 por Pontevedra, 4 por Lugo e 4 por Ourense, amais de 16 escanos no Senado. Preséntanse, entre Congreso e Senado, 70 listas.

Segundo os dados do INE, un total de 2.258.131 galegos e galegas residentes en territorio estatal poderán votar (7.681 menos que no 20D), amais das 20.082 persoas emigrantes (2.471 persoas menos que en decembro) inscritas no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA).

Aumentou un 32% o voto por correo a respeito do 20D

A respeito do voto por correo, sumaron máis de 72.000 as persoas que optaron por usar este sistema no noso país. Foron 18.000 persoas máis que o 20D (un 32%).

Cifras estatais

Están chamadas a participar nestas eleccións xerais 36,5 millóns de persoas que elixirán máis de 3.800 candidatos e candidatas repartidas nun total de 545 listas. Estas son as cifras dos comicios a nivel estatal.

A nivel estatal preséntanse 3.816 candidatos e candidatas

Ás eleccións que teñen lugar este domingo preséntanse un total de 3.816 candidatos e candidatas, unha cifra menor que a das xerais do 20 de decembro, cando se presentaran 4.353 aspirantes. Tamén caeu o número total de candidaturas ao Congreso a respeito do 20D. Hai cinco meses rexistráranse 625 listas, das que 605 recibiron o visto e prace das Xuntas Eleitorais, mentres que para o 26X se rexistraron 572 e pasaron o filtro 545.

Aliás, as 36,5 millóns de persoas que poden votar terán a posibilidade de elixir 1.317 persoas candidatas a ocupar un escano no Senado. Son 226 menos que as 1.543 persoas que aspiraban ao mesmo posto o 20D. Concorren á Cámara Alta 582 candidaturas, 75 menos que o 20D.

Dados de participación

Ao longo da xornada, o Ministerio do Interior fornecerá os distintos dados de participación. Nas anteriores eleccións do 20 de decembro, a abstención acadou na Galiza o 27% (611.692 persoas non votaron). A nivel estatal a porcentaxe foi lixeiramente menor: 26,8% (máis de 9,2 millóns de persoas ficaron sen votar).

Nas anteriores eleccións do 20 de decembro, a abstención acadou na Galiza o 27%

Sermos Galiza informará das cifras de participación en directo, así como do transcurso da xornada electoral. Estímase que ás 22.30h os resultados das eleccións sexan definitivos.

Comentarios