En defensa dos dereitos nacionais de Galiza

Máis de 200 persoas arroupan a estrea da plataforma Vía Galega

O 162 aniversario do Banquete de Conxo foi a data escollida polo medio cento de entidades que conforman a plataforma Vía Galega para a súa estrea pública. Sucedeu na mañá deste sábado, 3 de marzo, en Compostela. “Galiza vive unha situación de emerxencia nacional. A súa propia supervivencia como país está ameazada”, di o pasquín repartido nun acto con máis de 200 asistentes “en defensa dos dereitos nacionais”.
 

Vía Galega 3 de marzo 3
photo_camera Acto de presentación da plataforma Vía Galega. Foto: CIG.

Somos unha nación. Temos dereitos. Fagamos ouvir a nosa voz é o título, toda unha declaración de intencións, do manifesto de Vía Galega. “Tras máis de 35 anos de autonomía política formal”, leu María Xosé Bravo, Galiza é un país máis subordinado e dependente, cando necesita máis ca ninguén liberarse do espolio dos seus recursos e gañar espazos de liberdade”.

Vía Galega 3 de marzo 2

A presentación de Vía Galega foi conducida polo compositor e cantante Xurxo Souto. Ademais da propia Bravo, interviron outros membros da plataforma, como Antón Laxe, Susana Méndez, María Bará ou Bruno Lopes Teixeiro. Este último, en representación dos centros sociais que se adheriron á plataforma -entre outros, a Fundaçom Artábria de Ferrol, A Gentalha do Pichel de Compostela, o Mádia Leva de Lugo ou o Gomes Gaioso da Coruña- reivindicou o papel dos mesmos “na articulación da base social para a resistencia ás agresións do españolismo”.

“Cómpre facer arte, cultura, ciencia, desporte, pensamento galego e en galego, a necesaria contrahexemonía cultural”, engadiu, antes de desexar o suceso para Vía Galega “porque será beneficioso para o país”.

Suso Seixo: “Traballarmos para crear conciencia nacional”

Suso Seixo, ex secretario xeral da CIG e portavoz da plataforma, resumiu os obxectivos da Vía Galega: “Traballarmos para crear conciencia nacional, socialmente maioritaria, a partir da que reclamarmos o dereito a exercer libremente a nosa autodeterminación”. Seixo, nun discurso de marcado acento social, lembrou que a crecente dependencia e carácter periférico de Galiza está directamente relacionado coas políticas da Unión Europea e o Estado “co visto e prace da Xunta”.

“Non procuramos ocupar o espazo electoral de ninguén”, continuou, “senón construír unha Galiza onde as nosas clases populares poidan ter un posto de traballo e unhas condicións de vida dignas e vivir en normalidade na nosa lingua”.

Entre o medio cento de asociacións e entidades adheridas a Vía Galega atópanse o sindicato agrario Fruga, a propia CIG -cuxo secretario xeral, Paulo Carril, estaba presente no acto- ou fundacións culturais como a Alexandre Bóveda da Coruña, a Galiza Sempre, a Terra e Tempo ou a Manuel María. Rostros coñecidos da política nacionalista -como a ex deputada Pilar García Negro, o ex portavoz parlamentario do Bloque Francisco Jorquera ou o concelleiro na capital Rubén Cela-, o presidente do consello de Sermos Galiza, Xoán Costa, ou activistas polos dereitos civís como Elvira Souto atopábanse entre o numeroso público.

Alonso Caxade e mais o gaiteiro Xosé Manuel Sánchez puxeron a banda sonora á presentación, que rematou co canto do Himno Galego.

Nota: asistentes á presentación da plataforma Vía Galega.

Comentarios