Madrid saca proveito do Estado español

Unha enquisa revela a insatisfacción galega
madrid porta do sol
photo_camera madrid porta do sol

80,8% da poboación galega considera que Madrid se beneficia da súa condición de capital do Estado. Un recente estudo de opinión, elaborado após a sesión de investidura pola empresa Electomanía, cunha mostra de 2.848 entrevistas para o conxunto do Estado español reduce a porcentaxe de galegas que non se consideran discriminadas polo carácter de capitalidade de Madrid en menos de 20%. Galiza, Euskadi, Catalunya e Aragón son os territorios do Estado onde máis do 80% da cidadanía entende que Madrid sae beneficiado do seu status legal. A idea é tamén asumida maioritariamente polas habitantes doutras áreas do Estado pero sen acadar estas porcentaxes.

69,8% da cidadanía estatal amósase convencida dos privilexios de Madrid como consecuencia de acoller a capitalidade do Estado. Porén, o electorado de Ciudadanos, Partido Popular e Vox discrepan desta consideración. Segundo a enquisa de Electomanía só 36,9% das votantes de Vox, 48,5% das votantes do PP e 54,3% das votantes de Ciudadanos opinan que Madrid resulte beneficiada na actual contexto. Na mesma liña, a poboación de Madrid é a única que declara non percibir ningún trato de favor á súa comunidade.

A percepción social recollida neste estudo de opinión coincide, en certa medida, coa información que achegan os diversos indicadores económicos. Así, por exemplo, no primeiro semestre de 2019 Madrid ingresa 69.932 millóns de euros dos 149.221 millóns de euros de impostos totais, isto é o 46,9% do conxunto dos tributos do Estado malia contar co 14,3% da poboación. Especialmente significativo é o acontecido co Imposto do Valor Engadido (IVE) polo que Madrid recada nese período 26.593 millóns de euros, o que significou o 49,2% do total, é dicir, o efecto sede provocou que a metade de todas as facturas con IVE pagáronse a empresas instaladas fiscalmente en Madrid.

O efecto sede

As consecuencias do efecto sede na economía galega son denunciadas de maneira reiterada desde diferentes sectores da nosa sociedade. Sen ir máis lonxe, unha empresa de actualidade como Alcoa, co seu único centro de traballo operativo no Estado en San Cibrao, paga os seus impostos en Madrid, malia que a factoría da Mariña representa máis do 30% do Produto Interior Bruto total das comarcas de Lugo. Outro tanto acontece ao longo do país con múltiples empresas, entre elas as grandes operadoras eléctricas, propietarias de importantes centros de produción na Galiza como os encoros, tamén contribuíntes en Madrid.

Catalunya, Euskadi e Galiza non están satisfeitas coa capitalidade de Madrid. Segundo a referida sondaxe realizada por Electomanía, o nivel de satisfacción, sobre 10, con esta decisión das catalás é 3,8, das vascas 4,6 e das galegas 4,7. Porén, a media estatal sitúase en 6,1, significándose a elevada aprobación desta medida en territorios como Castela-A Mancha con 7,4, Castela-León con 7, Estremadura con 6,8 e por suposto Madrid con 8,5. Neste contexto explícase que 35,7% das galegas defendan o traslado da capital do Estado de Madrid e que 11,8% das entrevistadas apostan por unha capitalidade partillada entre dúas cidades nas que non se atope Madrid. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios