Madrid recúa: nen sancións @s emigrantes, nen reforma dos partidos xudiciais

A presión social e a proximidade das eleccións municipais fan recuar o goberno español en reformas fortemente criticadas. 

1927919_261959803995570_6314595141567815512_n
photo_camera A deputada do BNG, Ana Pontón, reclamando a permanencia do partido xudicial de Corcubión

O 2015 é ano eleitoral e os gobernos do Partido Popular afánanse en mellorar os seus inquéritos. Neste senso, o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, afirmou a pasada quinta feira (31 de xullo) acarón do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que modificará a anteproxecto de lei de reforma do Poder Xudicial para manter máis dun xulgado de primeira instancia por provincia e a actual división dos partidos xudiciais. 

Fíxoo aproveitando a súa visita á capital de Galiza após tornarse o noso país nun dos territorios que maior rexeitamento amosou á medida anunciada polo goberno español. Nen as organizacións e asociacións de profesionais da Xustiza, nen a cidadanía --como tampouco as forzas da oposición-- apoiaban unha proposta que, afirmaban, vulneraba o dereito á tutela efectiva. 

Así, Gallardón asegurou que para mantérense máis dun tribunal a nivel provinciail deberá redixirse un informe desde a comunidade autónoma no que o TSXG avale a necesidade do mesmo. Asemade, a primeira instancia deberá contar cunha sala por cada unha das ordes: Contencioso-Administrativo, Social e Civil, xunto con 5 do Penal, explicou o ministro.

Na súa comparecencia pública, o responsábel de Xustiza subliñou que a reforma introducirá unha maior "flexibilidade" entre tribunais e mesmo partidos xudiciais, para axilizar os procedementos de maneira que poidan derivarse duns a outros casos para desconxestionar o servizo. "Se en Viveiro hai exceso de carga de traballo, o tribunal de instancia correspondente poderá atribuír os casos ao de Mondoñedo", exemplificou. 

Retirada das sancións @s emigrantes retornad@s

Mais a cousa non ficou aí. O Consello de Ministr@s decorrido esta sexta feira, acordou retirar as sancións impostas @s emigrantes retornad@s e dá de prazo 6 meses --a partir de xaneiro de 2015-- para regularizar as súas pensións, mais sen requerirlles o pagamentos de multas. A aquelas persoas que tiveran aboado o recargo ou sanción, din desde Madrid, seralles devolta. 

Esta "fraude" como tildaron as Plataformas de Emigrantes retornad@s, atinxiu no noso país a milleiros de persoas. A presión exercida por este colectivo ve cumprida así unha das súas principais demandas que é a retirada das multas. Porén, as súas pensións deberán ser "regularizadas", segundo o goberno español polo que terán que declarar o diñeiro percibido desde 2008. 

As Plataformas parabenízanse polo logro obtido cun ano de "intensas mobilizacións" mais , advirten que seguirán batallando

Desde a Coordenadora nacional de plataformas, Marusía, aseguran parabenizárense polo anuncio do goberno español que, din, é froito "de máis dun ano de permanentes e intensas mobilizacións". Porén, malia consideraren "un avanzo" a decisión afirman que continuarán manifestándose "até conseguir os nosos obxectivos". 

Isto é, que "non se aplique con carácter retroactivo" a nova interpretación que da lei fai o executivo español e que só se aplique a regularización das pensións percibidas desde 2014 pois coidan que a nova posición gobernamental "vén a confirmanr" o que denunciaban as persoas estafadas e é que se exixía un diñeiro "indebidamente. Así mesmo, demandan que se estabelezan facilidades para este pagamento. 

Doutra banda, coidan que a decisión non dá solución á cuestión de fondo que constitúe a "discriminación" recollida na lei 35/2006 en relación ás pensións percibidas no estranxeiro polo que reclaman unha mudanza lexislativa para que todas perciban un "tratamento igualitario".

Comentarios