Madrid poderá vetar as comunidades autónomas na sinatura de tratados internacionais

Así o recolle o anteproxecto de lei aprobado polo Consello de Ministr@s que outorgará ao executivo español a última palabra nos acordos internacionais asinados entre as comunidades e outros Estados

O anteproxecto de lei deseñado polo ministro de Asuntos Exteriores impedirá que os territorios poidan asinar acordos de carácter vinculante e outorga ao Estado a prerrogativa de dar dar o visto e prace nos máis habituais e de carácter non normativo --MOU, nas súas siglas en inglés (Memorandum of Understanding). Isto é, acordos políticos que non vinculan economica nin xuridicamente aos territorios.

Embora os acordos se cinxan ás competencias exclusivas das comunidades autónomas, o executivo español terá a última palabra de existiren discrepancias entre as administracións autonómica e estatal. Neste senso, e segundo recolle o propio texto, "o Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación proporá a súa resolución ao Consello de Ministros", sendo este o órgano que dilucide a controversia.

Galiza é a terceira comunidade que máis acordos internacionais leva asinados (47 entre 1990 e 2010) após Catalunya (54) e Andalucía (86)

A nova norma supón unha importante mudanza a respeito da lexislación anterior pola cal o Goberno español só podía recorrer ao Tribunal Constitucional para impedir a sinatura dun tratado internacional entre as autonomías e outros Estados. No entanto, os conflitos que chegaron a mans da xustiza remataron por ser resoltos de maneira favorábel ao goberno español. Este foi o caso do tratado asinado entre a Xunta de Fernández Albor e o goberno de Dinamarca en 1985; sentenza na que se ampara o executivo de Mariano Rajoy para impor o seu veto.

Galiza é a terceira comunidade que máis acordos internacionais asinou (47 entre 1990 e 2010) após Catalunya (54) e Andalucía (86). Moitos dos acordos acadados polo noso país teñen a ver coa área económica Galiza-Norte de Portugal --recoñecida pola Unión Europea-- e nos, que após a entrada en vigor da reforma, Madrid terá a última palabra.

Comentarios