Análise

Madrid, a árbore e o bosque: perigo para as empresas galegas

As dinámicas electorais postas sobre a mesa nos comicios de Madrid implican un modelo claramente prexudicial para Galiza, fundamentalmente no económico.
A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, mais o seu homólogo galego, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, mais o seu homólogo galego, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

As urxencias derivadas das dinámicas electorais adoitan situar nun segundo plano as realidades estruturais asociadas ás dialécticas de fondo que determinan o acontecer social e político. As análises dos recentes comicios madrileños, as lecturas das causas dos resultados, a interpretación do acontecido en base a aspectos conxunturais, a reflexión centrada en variábeis de carácter táctico ou as lecturas en chave orgánico son bos exemplos diso.

Nesta lóxica argumental, enténdese que Galiza só aparece como extensión do ecosistema español de partidos e escenario de futuros combates electorais ligados á gobernabilidade do Estado, obviado o impacto dos comicios no rol de Madrid no espazo ibérico e no papel do país neste contexto.

Os resultados das pasadas eleccións madrileñas reforzan un modelo claramente prexudicial para Galiza. A súa foto final significa o triunfo dun proxecto de desenvolvemento económico baseado no espolio do resto dos pobos do Estado e cuxas chaves se deben buscar nun deseño político que favorece as vantaxes do seu status como capital. Isabel Díaz Ayuso non é máis que a expresión desa alternativa, funcional aos intereses dos grandes grupos económicos e a unhas elites cuxa existencia depende dunha estrutura unitaria e fortemente centralizada.

As derivadas para Galiza deste modelo téñense amosado moi negativas. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, en 2019, 4.359 empresas con actividade na Galiza teñen a súa sede en Madrid. Ao tempo, en 2019 abandonan Galiza con destino á capital do Estado outras 129 sociedades, nun movemento que se ten acentuado nas últimas décadas. Os efectos desta situación son evidentes, cun importante impacto fiscal para o país e unha distorsión das súas potencialidades reais en detrimento de Madrid. 

As consecuencias do efecto sede son letais para a economía galega. Sen ir máis lonxe, unha empresa de actualidade como Alcoa, co seu único centro de traballo operativo no Estado en San Cibrao, paga os seus impostos en Madrid, malia que a factoría da Mariña representa máis do 30% do Produto Interior Bruto total das comarcas de Lugo. Outro tanto acontece ao longo do país con múltiples empresas, entre elas as grandes operadoras eléctricas, propietarias de importantes centros de produción na Galiza como os encoros, tamén contribuíntes en Madrid. 

O prestixioso Laboratorio de Análise de Políticas Públicas do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE) sinala, nun informe presentado en setembro de 2020 ,que o efecto sede “reforza a tendencia á diverxencia entre Madrid e boa parte das rexións españolas, en lugar de actuar para compensar o proceso de polarización entre Madrid e boa parte das rexións españolas” e “inclina a actuación das autoridades centrais a favor das empresas localizadas nun territorio que conta cun nivel de renda por habitante moi por riba da media, ao realizar moitos máis contratos con elas en lugar de amosar a neutralidade territorial que sería exixíbel con todo o tecido empresarial”.

A pasada segunda feira, o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, afirmaba en Porto que “Madrid non é España, é a capital” e desmarcábase cunhas críticas ao centralismo. As palabras, pronunciadas perante un auditorio moi preocupado polos resultados electorais en Madrid e unha sociedade portuguesa que padece tamén o modelo madrileño, deben ir acompañadas de feitos que cuestionen as relacións de poder no Estado para que non semellen escusas. 

Comentarios