Luz verde á nova Lei de Solo

Só o PP votou a favor da norma presentada pola Consellaría de Medio Ambiente e Infraestruturas. A oposición ve nela "inseguridade xurídica", "desregulación" e unha "barra libre" para a recalificación.

Beatriz Mato
photo_camera Beatriz Mato

O Parlamento galego aprobou esta terza feira (24 de novembro) a tramitación parlamentar da nova Lei de Solo de Galiza, mais fíxoo unicamente cos votos favorábeis do Partido Popular. As forzas da oposición reclamaron a súa "devolución" e criticaron con dureza a práctica totalidade do texto. Embora a conselleira de Medio Ambiente e Territorio, Beatriz Mato, asegurar que o documento nace do "consenso", BNG, AGE, PSdeG e Grupo Mixto aseguran que se trata dunha normativa que carrexa "inseguridade xurídica", "máis desregulación" e "liberalización" do terreo e mesmo unha "barra libre" para a recalificación e reclasificación urbanística. 

O proxecto de lei, que enceta agora a súa tramitación parlamentar, supón a terceira desde que Galiza ten autogoberno e a "undécima" mudanza a respeito da lexislación urbanística, sinalou o deputado de AGE, Antón Sánchez, na súa intervención. Un "urbanismo zombie" e "ao servizo da especulación", en verbas de Ana Pontón (BNG) que se atopa "desconectado da realidade da Galiza". 

BNG: "Mantén un urbanismo zombie ao servizo da especulación"

Ningunha das organizacións políticas con representación no Pazo do Hórreo --agás o PP-- apoiou a proposta deseñada polo goberno galego a quen acusaron de actuar con "desidia", afirmou Chelo Martínez (Grupo Mixto) e mesmo de "empeorar" o marco xurídico vixente, acrecentou Xosé Sánchez Bugallo polo PSdeG. 

E é que a norma "adelgaza" a LOUGA (2002) mais "lonxe de solucionar os graves problemas constituirá un paso atrás", dixo Pontón. 

As principais críticas da oposición centráronse na falta de transparencia e participación na súa elaboración. Neste senso, Beatriz Mato defendeu que o proceso de tramitación se demorou para incorporar as achegas dos distintos axentes sociais. Unhas declaracións que lle foron retrucadas. Aliás, o Grupo Mixto e AGE reclamaron máis "mecanismos de transparencia" e "control".

AGE: "Están a vender ar. Están máis unha vez funcionando cos tempos electorais"

Outra das grandes críticas foi a "liberalización" e "desregulación" que suporá a súa entrada en vigor de se aprobar nos termos actuais. "Desprotexe o noso territorio, nomeadamente o medio rural", sinalou a deputada nacionalista Ana Pontón. Isto suporá, acrecentou Sánchez (AGE), o "deterioro do patrimonio, endebedamento clases medias e baixas, redución espazo agrario útil", como xa aconteceu co "modelo" desenvolvido polo Partido Popular "nos anos noventa". 

Dinamizar o medio rural 

Así mesmo, criticaron con dureza a pretensa vontande de "dinamización" rural que outorgan desde a Xunta á nova lei. "Non é unha ferramenta para a economía", asegurou Antón Sánchez quen reclamou "plans sectoriais desde abaixo", "un proceso de comarcalización" que derive nunha "nova estrutura político-administrativa" e "de nación" para Galiza, a procura dun "desenvolvemento equilibrado" e a "posta en valor da paisaxe" como recurso para as localidades rurais que ocupan "o 88%" do territorio galego, sinalou. 

Comentarios