Eleccións

Luís Villares, na súa despedida: "A ética na política págase cara"

O líder de En Marea non se presentará ás eleccións do 5 de abril e abandonará a política para volver á xudicatura.
Mariló Candedo, Ana Seixas, Luís Villares, Francisco Manrique, Peque González e Francisco Casal (Nós Diario).
photo_camera Mariló Candedo, Ana Seixas, Luís Villares, Francisco Manrique, Peque González e Francisco Casal (Nós Diario).

"Asumín un encargo en 2016 por unha lexislatura e esa lexislatura chegou á súa fin. Así que hoxe quero anunciar que non me presentarei ás primarias de En Marea para as vindeiras eleccións galegas". Así comezou onte a inesperada despedida da política de Luís Villares, líder da oposición galega até o pasado verán.

Após catro anos na primeira liña política, e case todo ese tempo como líder da oposición a Alberto Núñez Feixoo no Parlamento da Galiza, Luís Villares non se presentará ás eleccións galegas do 5 de abril e deixa unha En Marea en plenas conversas para artellar unha coalición electoral e cun proceso de primarias programado para a vindeira semana. "Sempre o dixen: o meu paso pola política era temporal. Como entendo que debe de ser o de calquera cidadán. Eu non vin  perpetuarme en ningún posto, son un cidadán que veu facer política e non a ser político", sostivo onte, cando tamén anunciou que abandonará a política cando rematen as súas funcións na Deputación Permanente na Cámara galega para regresar ao seu posto de maxistrado no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.

Villares mostrouse moi crítico coas forzas políticas que conforman o espazo da chamada esquerda rupturista galega, principalmente con Podemos, Esquerda Unida e Anova, pero tamén co BNG e o PSdeG, con respecto á cita coas urnas do vindeiro 5 de abril.

"En lugar de estar asistindo a un combate de ideas, asistimos a un combate de postos. Isto é absolutamente lamentábel. Eu non atopei até o momento ningunha razón programática pola que non poida haber un grande acordo político para que a esquerda deste país poida concorrer unida ás eleccións galegas. Isto prodúceme unha gran desazón, unha indignación como cidadán e unha frustración como político que intentou cambiar as cousas", aseverou.

"Como cidadán de esquerdas", proseguiu, "non entendo por que razón nas eleccións do 5 de abril non pode haber un proxecto político unitario que, desde o ámbito progresista, poña Galiza no camiño dos retos sociais, das liberdades públicas e da xustiza social. Non o entendo".

"Aínda direi máis", incidiu, "non entendo por que nos temos que enfrontar as mareas co Bloque, ou con Anova, con Podemos e, se me apuran, até co PSdeG. Non entendo por que temos que afondar nas diferenzas en vez de facelo nos puntos que temos en común. Por que non podemos facer unha lista de ideas de progreso e poder concorrer cunha grande oferta política a estas eleccións? Dá a sensación de que ás veces importamos nós máis que a xente á que dicimos servir, e iso non pode ser".

Villares pediu que "a sensatez política se impoña e sexa posíbel un grande acordo" antes de que remate o prazo para rexistrar coalicións na Xunta Electoral esta sexta feira. "Hai marxe para un acordo, que escoiten a xente na rúa que pide unidade", dixo.  

Culpa as cúpulas de EU, Podemos e Anova

Así, volveu a vista atrás e explicou que aceptou involucrarse en política no verán de 2016 "nun momento concreto, no que se pedía que a cidadanía se implicase". "E así o fixen, impliqueime en política. Tiña o encargo de liderar un proxecto político plural no que as persoas estivesen por enriba dos partidos políticos que impulsaron o propio proxecto. Pero as cúpulas deses partidos, desde o primeiro momento, impediron que esa alternativa cidadá, da xente de base, florecese plenamente", dixo en alusión a Podemos, Esquerda Unida e Anova.

"Por esa razón, e dígoo con pesar, hoxe estamos na mesma grella de saída que hai catro anos. Os partidos por un lado e as mareas que agrupan a xente da sociedade civil organizada polo outro. Nunha desbocada carreira polo de sempre, por unha cadeira. Por riba da consolidación dun proxecto político progresista, solvente e críbel para Galiza", evidenciou.

"As cúpulas non aturaron que os cidadáns que nos incorporamos á política actuásemos con inocencia e con ética. A ética págase cara en política e a algúns fixéronnos sentir como un bicho raro. Simplemente por facer o que me parecía o correcto, por non torcerme con relación a aqueles ideais que me trouxeron á política, polos que a xente confiara en min como o seu representante político", asegurou.

"Ser cidadáns antes que políticos pagámolo caro todos aqueles que demos un paso adiante e puxemos a ética por riba da política. Tan caro o pagamos que as cúpulas dos partidos abandonaron a organización porque se viron incapaces de controlar a cidadanía que de forma independente nos organizaramos ao redor do proxecto que eles viñan de impulsar", engadiu a respecto de Podemos, EU e Anova.

Onte, o actual líder da oposición galega, o socialista Gonzalo Caballero, destacou o "compromiso e traballo" de Villares. Por outra banda, a candidata do BNG, Ana Pontón, destacou que "a xustiza recupera un xuíz que demostrou ser unha persoa xusta, que traballou sempre con moito rigor".

Asegura que se sentiu "como un intruso"

Luís Villares situouse no verán de 2016, cando comezou a súa andaina política, cos efectos da crise económica aínda palpábeis. Unha "situación de desesperación" que requiría, así o considerou, "unha resposta". "A moitos pedíusenos que désemos un paso adiante. Iso foi o que me pasou a min. Pedíronme que defendese unha alternativa da xente común, que nos désemos unha oportunidade colectiva. Chamáronme e aló fun, sen preguntar máis nada, e a partir de aí todo o demais. Moitas veces tiven a convicción de que esa chamada tiña trampa", manifestou na súa despedida. Recoñeceu que se sentiu "como un corpo estraño, case como un intruso" desde o principio. "Como alguén que non facía o que tiña que facer, que miraba máis polas persoas de fóra que pola organización. E iso non está ben visto na política, esteas onde esteas", sostivo Villares. 

Comentarios