Lugonovo marca distancia con 'En Marea' e dará liberdade de voto para o 20-D

A marea, con 3 concelleiros na cidade lucense, non pedirá o voto para ningunha formación nas eleccións xerais.

Lugonovo desmárcase de 'En Marea' e non pedirá o voto para ningunha formación nas eleccións do vindeiro 20 de decembro. Unha postura que o portavoz municipal da marea lucense explica en 'La Voz de Galicia'. Santiago Fernández considera que Lugonovo debe de se centrar no eido local, para alén de que a confluencia de diferentes sensibilidades nesta plataforma municipal non fai acaído, considera, que se posicionen por algunha das ofertas que concorren aos comicios.

Unha decisión que pode 'chocar' a quen daba por sentado que todas as mareas ou candidaturas municipalistas terían en 'En Marea' o seu referente para esta cita coas urnas. Cómpre lembrar que o pasado mes de agosto, Lugonovo, canda a outras plataformas como a Marea de Noia ou Betanzos Novo, amosaban o seu malestar pola falla de participación das bases que se estaba a dar, dicían, na creación da 'marea galega'.

En Lugonovo confluíron independentes, xente do movemento veciñal, Podemos, Espazo, Anova e Compromiso por Galicia. Nas eleccións municipais obtivo tres concelleiros.

Comentarios