Lugonovo divídese polo apoio ao PSOE

A decisión da asemblea de Lugonovo de rexeitar a proposta do seu Portavoz Santiago Fernández Rocha de apoiar os orzamentos  do goberno local de Lugo para 2017, vén de abrir un novo fronte interno nesta organización.

Asemblea de Lugonovo.
photo_camera Un momento dunha asemblea de Lugonovo

Ao longo das últimas semanas, unha delegación da candidatura municipalista da que facían parte Víctor Álvarez e os seus concelleiros Santiago Fernández Rocha, Cristina Pérez Herrainz e Iñaki García Gómez, negociaron un acordo co Partido Socialista a fin de posibilitar a aprobación das contas para este exercicio. Porén, a práctica totalidade da afiliación de Lugonovo, incluídos os seus edís Cristina Pérez Herrainz e Iñaki García Gómez, votaron en contra deste preacordo presentado por Fernández Rocha, que só contou co apoio de catro dos presentes. Se ben as razóns oficiais desta posición foron explicadas pola candidatura municipalista como unha resposta á ineficacia na xestión dos socialistas e ao incumprimento reiterado por parte destes dos acordos previos, as fontes consultadas por Sermos Galiza non dubidan en vincular esta decisión a diferenzas de fondo sobre o rumbo a seguir en relación co grupo de goberno e tamén na orientación da confluencia a nivel nacional.

Lugonovo, a candidatura impulsada para concorrer as municipais de 2015 por Podemos, Anova e Compromiso por Galicia, destacou polo peso desta organización. Este feito, provocou a autoexclusión de Esquerda Unida do proceso de converxencia, rematando a marca electoral do PC por presentar candidatura ao consistorio de Lugo, acadando ao tempo representación, nun contexto de criticas á militancia  do partido de Bascuas por suposta instrumentalización da plataforma. Xa fora de Compromiso, o núcleo reitor de Lugonovo debe agora facer fronte ás críticas internas daqueles que acusan Santiago Fernández Rocha e a súa xente de excesiva proximidade ao PSOE. A última asemblea da formación, realizada a segunda feira 24 de abril, foi un exemplo disto, até o punto de que o portavoz da organización foi interrompido repetidamente no uso da palabra e as intervencións da maioría dos presentes soaron a unha emenda á totalidade do facer de Fernández Rocha. Unha parte da afiliación de Lugonovo vai aínda máis adiante nas súas críticas, afirmando que o seu portavoz aspira a entrar a calquera prezo no goberno do PSOE sen importarlle as consecuencias electorais da decisión, dado, que segundo estas fontes Fernández Rocha, non volverá a concorrer ao seguinte proceso electoral.

As fontes consultadas por Sermos Galiza non dubidan en vincular esta decisión a diferenzas de fondo sobre o rumbo a seguir en relación co grupo de goberno e tamén na orientación da confluencia a nivel nacional

Os primeiros síntomas públicos do conflito en Lugonovo saltaron á palestra coincidindo coa elección da Coordenadora (Executiva) de En Marea. Aínda que as diverxencias eran coñecidas de vello tanto nos círculos de organización como nos mentideiros políticos da cidade, non se explicitaran até ese momento, facéndose públicas nas redes sociais queixas dalgúns afiliados que criticaban a instrumentalización de Lugonovo polos afíns a Luís Villares. A cabeza máis visíbel deste sector crítico é o concelleiro Iñaki García Gómez, antigo dirixente da CIG e militante da FPG, situándose no mesmo militantes de Podemos como Adrián Fuenteseca, membro da coordinadora de En Marea  en representación da candidatura Máis Alá, ou o candidato ao congreso Josito Pérez Afonso. As fontes consultadas por Sermos Galiza coinciden en sinalar que as xentes de Anova e Podemos están tentando aproveitar o malestar existente co baixo perfil da oposición municipal de Lugonovo e co suposto personalismo de Fernández Rocha para gañar apoios de cara ao vindeiro plenario de En Marea, situando como diana das súas críticas Vitoria Esteban  militante da plataforma luguesa, viceportavoz de En Marea e persoa de máxima confianza de Luís Villares. 

O conflito de Lugonovo sobarda o ámbito local. Até agora, a confluencia luguesa era unha excepción no conxunto das candidaturas municipalistas das cidades galegas, por tratarse da única que apoiaba Luís Villares. Mesmamente, o portavoz de En Marea exercía de militante de Lugonovo e Lugonovo aparecía como un dos seus máis firmes apoios; porén, cada día existen máis dúbidas sobre a correlación de forzas na mesma. Así as cousas, a única certeza a día de hoxe é a igualdade nos apoios dunha e doutra parte, cuestión que evidencia as dificultades de Luís Villares para conseguir adhesións nos espazos urbanos e que favorece a caricatura que lle fan os seus críticos como “candidato do rural”. Sexa como for, a lea de Lugonovo sitúa o portavoz de En Marea nunha situación delicada, cun peso máis minguado na cidade e cuns apoios debilitados na provincia, ben por cambios de posición de última hora, como aconteceu en Vilalba, ou por depender de alianzas variábeis, como acontece na Ribeira Sacra con Luís Eyré e o colectivo Cerna. Ao fin, semella que Luís Villares non é capaz de facerse cun espazo propio na provincia de Lugo, a pesar dos grandes esforzos que está facendo, con visitas continuadas ás máis diversas localidades e cun ritmo cada vez máis intenso, á medida que se achega o plenario de En Marea convocado para o mes de Xullo.

Comentarios