CRISE LEITEIRA

Lugo continúa tomada pola tractorada

Ao redor dun cento de tractores permanece en Lugo desde a pasada quinta feira despois de que nunha asemblea que tivo lugar no día de onte os gandeiros e gandeiras decidiran manter a protesta de maneira indefinida.

lugo
photo_camera lugo

A protesta resiste e Lugo continúa tomada por un cento de tractores logo da gran tractorada que tivo lugar a pasada quinta feira. Así, malia a fatiga, gandeiros e gandeiras decidiron onte en asemblea manter a mobilización na cidade amurallada de maneira indefinida.

De pouco serviu o encontro que mantivo a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, con algúns representantes do sector. Dado que a responsábel da Xunta de Galiza se limitou, segundo fontes próximas, a tratar de convencer os e as manifestantes para que abandonasen a tractorada e non anunciou ningunha medida que garanta un prezo digno para o leite, gandeiros e gandeiras decidiron continuar ao pé da muralla.

Prevese que a tractorada continúe todo o día de hoxe en Lugo. Mañá os tractores están chamados a saír cara a Compostela, convocados na explanada de Salgueiriños para percorrer a mediodía as principais rúas da cidade.

Os gandeiros e gandeiras levan máis de un mes de mobilizacións continuadas para tratar de rachar co desleixo da Xunta de Galiza e do Goberno central. Reclaman unha solución que garanta o prezo de rendibilidade do litro de leite, que se atopa nos 36 céntimos, segundo o Ministerio de Agricultura. En Galiza, este prezo oscilou entre os 20 e os 27 céntimos, provocando unha fonda crise e o risco de desaparición de milleiros de explotacións gandeiras en todo o país.

Comentarios