Lugo aproba as súas contas máis altas, con 106 millóns

Destinan 31,2 millóns a políticas asistenciais
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

O Concello de Lugo conta desde onte cos orzamentos máis altos da historia. Un total de 106,4 millóns de euros denominados pola súa alcaldesa, Lara Méndez, como "unha ferramenta imprescindíbel" que permitirá materializar os proxectos programados e seguir ofrecendo á veciñanza un amplo abano de servizos públicos de calidade.

"A súa finalidade será a de contribuír a que o municipio saia reforzado da crise social e económica na que está derivando a pandemia, para o que destinaremos máis de 29% dos mesmos, 31,2 millóns de euros, a políticas asistenciais", asegurou a rexedora. 

Entre outras actuacións, os orzamentos serán utilizados para ampliar espazos peonís, crear novas urbanizacións, zonas verdes, parques infantís e áreas de esparexemento e deportivas. "En definitiva, mellorar o patrimonio e a conectividade de Lugo, as infraestruturas e dotacións públicas, tanto na cidade como no rural", sinalou a alcaldesa ao tempo que incidiu no feito de que "estas contas manterán, como eixo transversal, a perspectiva de xénero e a loita contra co cambio climático".

Méndez fixo fincapé igualmente en que posibilitarán un grande esforzo investidor xa que coas iniciativas previstas para este exercicio, unidas ás desenvolvidas no último ano, "implican unha mobilización de recursos superior aos 49 millóns de euros que destinamos a impulsar a segunda gran transformación da cidade, a súa dinamización, a innovación e o emprendemento, cuestións todas de vital importancia para un crecemento económico sólido e continuado". 

O anuncio do documento no Boletín Oficial Provincial foi o derradeiro trámite que permitirá á Administración local comezar a empregalos, ampliando o prazo de execución a practicamente todo o ano.

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, presentou no pleno de orzamentos celebrado hoxe as partidas das cinco áreas dependentes da Tenencia de Alcaldía. Arroxo presentou uns orzamentos deseñados baixo a idea de que "as administracións deben ser as primeiras en realizar grandes inversións nun momento de crise económica, ao contrario do realizado por outras administracións noutros momentos de crise económica, que deixaron unhas claras consecuencias".

Arroxo destacou que "estes orzamentos van permitir xerar emprego en Lugo e estabilizar o emprego xa existente, ademais de continuar coa mellora da cidade iniciada cos orzamentos do ano 2020  e os suplementos de crédito aprobados neste ano". mellora da cidade iniciada cos orzamentos do ano 2020 e os suplementos de crédito aprobados neste ano".

Comentarios