Luca Chao considera un “atraco democrático” que unha integrante de En Marea asumise a acta de Manuel Lago

Luca Chao, viceportavoz do Grupo Común da Esquerda
photo_camera Luca Chao, viceportavoz do Grupo Común da Esquerda

Unha das portavoces do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, considerou que sería "un ataque democrático" que a integrante da dirección de En Marea Mariló Candedo asumise a acta que deixaría o deputado Manuel Lago se se confirma a súa marcha ao Ministerio de Traballo que dirixe Yolanda Díaz.

De materializarse a marcha de Lago a Madrid, a seguinte persona que concorreu na lista ás autonómicas de 2016, presentada baixo o nome de En Marea, é a que fose decana da Facultade de Ciencias da Educación da UDC, persoa afín ao portavoz do partido instrumental Luís Villares. Por iso, de desembarcar na Cámara galega, o previsíbel é que se incorpore ao grupo mixto ao tomar posesión e deixe ao Grupo Común da Esquerda cun representante menos.

Preguntada respecto diso nunha rolda de prensa, Chao explicou que Manuel Lago aínda non trasladou a súa decisión ao grupo e pediu respectar os tempos adoptados polo deputado. "Pola nosa banda terá todo o noso apoio", manifestou antes de asegurar que lle "preocuparía moito" que "unha persoa collese un acta que non lle corresponde". "Imaxinemos o caso de que, por avatares políticos, unha acta do BNG fose cuberta por unha persoa do PSOE. Iso a calquera lle parecería unha aberración en termos democráticos", argumentou.

Luca Chao considerou que no caso da marcha de Lago estaríase "ante un escenario idéntico". "Hai dous partidos diferentes, que unha persoa doutro partido, doutro grupo parlamentario, fose ocupar a acta que nos corresponde pareceríanos un ataque democrático", sinalou antes de apelar á "responsabilidade democrática" para que "algo así non ocorra".

Por outra banda, preguntada sobre o nomeamento da deputada de Galicia en Común Yolanda Díaz como ministra, Luca Chao asegurou que se trata dunha "magnífica noticia" polo seu "compromiso" cos dereitos.

"Estivo en todo canto conflito laboral houbo neste país. Por tanto, é un garante de que os dereitos dos traballadores van estar riba da mesa", subliñou nunha intervención na que considerou que algúns dos seus retos serán a derrogación da reforma laboral, combater a precariedade e o desemprego.

Comentarios