mércores 20/01/21
Análise

A lóxica interna mandará na política galega en 2021

A pandemia modificou o calendario orgánico das forzas políticas galegas en 2020. Se populares e nacionalistas se viron na obriga de adiar os seus procesos congresuais para 2021, os socialistas están chamados tamén a realizar o seu conclave neste ano.
Pedro Sánchez durante a súa intervención no congreso do PSdeG-PSOE decorrido en 2017. (Foto: PSdeG)
Pedro Sánchez durante a súa intervención no congreso do PSdeG-PSOE decorrido en 2017. (Foto: PSdeG)

O Partido Popular da Galiza ten previsto organizar o seu congreso ordinario para a segunda metade de 2021. Malia que os estatutos da organización estabelecen que os procesos de renovación interna deben acometerse cada catro anos e a súa anterior cita congresual realizouse en 2016, o coronavirus adiou esa posibilidade nunha formación marcada pola interinidade. O partido está dirixido por unha xestora en Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, após a dimisión dos seus presidentes tras os resultados electorais das pasadas eleccións municipais e do salto á empresa privada de Beatriz Mato, candidata á alcaldía da cidade herculina e na actualidade directiva da enerxética Greenalia.

Os responsábeis dos populares galegos non agardan grandes mudanzas no proceso congresual. Neste sentido, consideran que será un encontro tranquilo, onde Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta da Galiza, non dará sinais sobre o seu relevo e trasladarán o posíbel conflito aos conclaves provinciais. A este respecto, os membros da formación consultados por Nós Diario dan por feito unha disputa para facerse coas direccións provinciais, conscientes da súa importancia para o proceso de elección do sucesor de Feixoo. Nese sentido non dubidan da continuidade de Diego Calvo e José Manuel Baltar á fronte da Coruña e de Ourense, mais abren a posibilidade de mudanzas en Lugo e Pontevedra.

O BNG aposta por reforzar a súa dirección

O Bloque Nacionalista Galego manexa os mesmos prazos que o PP para a realización da súa asemblea nacional. A organización, após aprobar na reunión do seu Consello Nacional de xullo de 2020 a convocatoria do conclave, viuse obrigado a dar marcha atrás na decisión, se ben as fontes da dirección da formación consultadas por Nós Diario entenden que o temario de debate acordado naquela altura vai ser a base dos relatorios sometidos á discusión da militancia. Na mesma liña recoñecen como chave un proceso de reforzo dos órganos executivos da formación, combinando a renovación, mediante a incorporación de novos dirixentes, e a experiencia, garantindo a continuidade dos cadros de referencia.

As teses a debate van estar moi condicionadas pola actual posición da organización, os próximos retos electorais e a posibilidade dunha mudanza na Xunta da Galiza. Así, en relación coa primeira das cuestións apostan por darlle continuidade á campaña de expansión territorial en marcha desde o ano pasado, cuxos resultados son valorados de maneira positiva desde a dirección. De cara aos escenarios futuros, as fontes da dirección nacionalista responden a Nós Diario que o BNG debe proceder á actualización e concreción da súa proposta programática para enfrontar un novo tempo político con posibilidades de acceder ao Goberno galego.

O congreso do PSdeG-PSOE está previsto para finais de setembro e mediados de outubro. Segundo pon de manifesto a Nós Diario desde a formación, a apertura do proceso congresual vaise acordar no comité federal do 14 de xaneiro ou ben na súa seguinte xuntanza despois das eleccións catalás de febreiro, co obxectivo de realizar o encontro estatal no mes de xullo e acometer á renovación das direccións provinciais e locais nos tres últimos meses de 2021 e nos dous primeiros de 2022.

Gonzalo Caballero xoga a súa continuidade como secretario xeral na cita. A este respecto, o sector máis próximo a el dá por seguro a súa continuidade como máximo responsábel e destaca o seu apoio entre as bases da formación e no grupo do parlamentario.

Pola súa banda, os críticos coa actual dirección socialista confirman a este xornal que haberá unha alternativa a Caballero no congreso de outubro e confían nas súas posibilidades de éxito.
 

comentarios