PSdeG exixirá que Feijóo explique as posibilidades reais dos estaleiros galegos con Pemex

Abel Losada empraza a Núñez Feijóo a explicar no seu discurso de investidura, cales son as posibilidades reais dos estaleiros galegos na construción dos floteis de Pemex. Aliás, asegura que o grupo parlmentar defenderá a pluralidade na composición da Mesa parlamentar á fin de que todos os grupos políticos estean representados
photo_camera Abel Losada, voceiro do PSdeG

O portavoz do Grupo Parlamentar socialista, Abel Losada, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa na que volveu abordar os polémicos contratos con Pemex que marcaron a campaña electoral do pasado 21-O. Desta volta, Losada amosou unha nota recollida polo grupo de comunicación mexicano Sipse, en que se recoñece que a petroleira mexicana Pemex presentará unha licitación --que podería ser por convite restrinxido-- para a contrución de dous buques floteis. Segundo a prensa mexicana, Carlos Morales Gil, director de PEP, asegurou en diversas ocasións que a petroleira recibira catro propostas --polo momento-- de catro empresas, entre as que se atoparían os estaleiros galegos.

Neste senso, Losada asegurou que "ogallá toda a construción se faga en Galiza", porén, e diante do posíbel carácter restrinxido do concurso, emprazou ao que será investido como presidente da Xunta a "dar explicacións no Parlamento" e mesmo aproveitar o seu discurso de investidura para dar conta das posibilidades reais dos estaleiros galegos na licitación.

Apoio á Folga Xeral de mañá

O voceiro parlamentar do PSdeG-PSOE, Abel Losada, iniciou a súa comparecencia amosando o apoio d@s socialistas galeg@s á convocatoria de Folga xeral, que terá lugar a cuarta feira. Neste senso, Losada asegurou que a política que están a desenvolver os gobernos galego e español constitúe "un suicidio económico", apelando así á lexitimidade da convocatoria.

"Ese mantra neo-liberal que xa ninguén defende", aseverou Losada, está a servir de guieiro á filosofía económica do Partido Popular, cuxo obxectivo segue a ser "o défice cero". Pola contra, dixo o socialista, "desde a esquerda e a social-democracia defenderemos uns servizos públicos de calidade" e por iso asegurou, a militancia do PSOE participará nas mobilizacións convocadas para o 14 de novemebro.

Losada: "A política do PP é un suicidio económico"

Losada di que pularán pola "pluralidade" na composición da mesa parlamentar

A respecto da composición dos órganos do Parlamento Galego,  Abel Losada, transmitiu o parecer do PSdeG, perante a proximidade da constitución parlamentar. Neste senso, avanzou que o grupo parlamentar socialistas "respectará ao máximo a vontade popular" e pulará porque todas as formacións --catro neste novo curso político-- posúan cadanseu asento na Mesa. No entanto, Losada amosouse convencido de que o Partido Popular "aplicará o rodillo" e aproveitará a súa maioría absoluta para saír beneficiado no reparto.

Asemade, o voceiro d@s socialistas asegurou que non existía ningún acordo previo entre as formacións da oposición a respecto da composición da Mesa e repasou "desde unha perspectiva histórica" a composición deste órgano en que --desde a aprobación do Estatuto de Autonomía-- só unha formación (Coalición Galega) ficara fóra do reparto.

Comentarios