"PODEMOS é MáIS CENTRALISTA QUE PP E PSOE XUNTOS"

Lores sobre o Día da Patria: “Todo o que sexa sumar é positivo”

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinala, en relación á posibilidade dunha convocatoria de manifestación unitaria polo Día da Patria que “todo o que sexa sumar é positivo”.

Nunha entrevista concedida a RNE, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), puxo de manifesto en relación á posibilidade da convocatoria dunha manifestación nacional unitaria con motivo do Día da Patria que “todo o que sexa sumar é positivo”. Tamén sobre o 25 de xullo, Lores, afirmou que espera que sexa unha data reivindicativa, importante e masiva”. 

Preguntado sobre unha candidatura galega para as eleccións xerais, o nacionalista salientou que “nunca virá de fóra remedio ou esperanza” e apostou, como xa anunciara o Bloque, por unha candidatura galega formada por forzas políticas de obediencia nacional e que respondan aos intereses de Galiza

O alcalde de Pontevedra foi crítico coa fórmula que quere seguir Podemos para as eleccións xerais, “o que está a facer Podemos é absolutamente impresentábel a nivel de Estado”. “É máis centralista que o PP e o PSOE xuntos”, destacou. Admitiu que Podemos e o BNG poden coincidir en “certas cuestións” pero expuxo que o feito de que “saque moitos votos Podemos non significa de ningunha maneira que se defendan os intereses de Galiza”. 
 

Comentarios