mércores 30/09/20

Lores desbótase como candidato a portavoz nacional e rexeita a coligazón con forzas estatais

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, non se ve como portavoz nacional do Bloque “Hai moita xente para poñerse á fronte do nacionalismo reseteado que necesitamos”; defende. Rexeita concorrer ás eleccións galegas con forzas estatais.

En resposta ao xornalista nunha entrevista concedida á Cadena Ser, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, desbotou que vaia postularse como candidato a portavoz nacional do BNG, “eu teño unha responsabilidade con todos os pontevedreses”.

“Considero que o BNG e o nacionalismo teñen persoas militantes suficientes para sacar adiante esta forza política e este país. Cada un cumpre a súa función. Botarei unha man no que sexa, pero hai moita xente para poñerse á fronte do nacionalismo reseteado que necesitamos”, engadiu Lores.

A respeito da fórmula coa que debería concorrer o Bloque ás eleccións galegas, o rexedor pontevedrés insistiu en que “eu digo, como nacionalista, que nunca virá de fóra remedio ou esperanza”. Preguntado sobre se o BNG e a marea deberían confluír, Lores aseverou, “para nada”. “Plantexamentos de acordos con outras forzas de obediencia estatal ou española non van resolver os problemas dos galegos. A miña posición é clara desde sempre”, afirmou.

"O nacionalismo significa defender os intereses dos problemas sen ningún outro tipo de dependencia"

Na mesma liña, Lores expuxo na entrevista que o nacionalismo “significa ter os pés postos na terra, ter a organización dentro do país e defender os intereses dos problemas sen ningún outro tipo de dependencia. Desde logo, solucións que non teñan en conta estes principios non me van resolver o tema”.

Ademais, Lores subliñou que tanto o BNG como o nacionalismo “son absolutamente necesarios. Polo tanto, temos que traballar por conseguir maiores apoios electorais. Pregúntome de que imos vivir neste país se non somos quen de manter un mínimo de coherencia e defensa dos nosos valores e sectores produtivos”. “Seguiremos traballando nesta liña, con coherencia e humildade e con confianza no noso país... O que hai que facer é traballar con orgullo para este país”, concluíu.

comentarios