Lores censura o "acto de violencia premeditado" dos traballadores de Ence durante o pregón da festas

O alcalde de Pontevedra culpa a Ence e ao PP da situación na que se encontran os traballadores e cre que a Fiscalía debe actuar "de oficio" tras boicotearen o inicio das festas da Peregrina.
Traballadores de Ence protestan durante a lectura do pregón das Festas da Peregrina. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
photo_camera Traballadores de Ence protestan durante a lectura do pregón das Festas da Peregrina. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, censurou os incidentes protagonizados por un grupo de traballadores de Ence o pasado sábado durante a lectura do pregón das festas da Peregrina, uns feitos que definiu como un "acto de violencia premeditado e planificado contra a cidadanía".

O rexedor avanzou que a Policía Local está estudando o ocorrido para pólo "en coñecemento da Fiscalía" que, segundo considerou, debería actuar "de oficio" ante estes "actos de violencia cometidos contra a Corporación" en pleno espazo público.

Críticas ao PP

Segundo trasladou esta segunda feira nunha comparecencia pública na que pediu aos promotores da protesta "que paren a violencia", Fernández Lores lamentou, ademais, que tras os "actos de violencia" concelleiras do PP, algúns dos cales "forman parte da Executiva do Partido Popular da Galiza", vestisen os chalecos amarelos dos traballadores, "por se houbese algunha dúbida" de que a protesta "estaba apoiada" por esta formación.

"Como alcalde de Pontevedra nunca pensei, nin no máis remoto pensamento, que membros da Corporación de Pontevedra avalasen actos de violencia contra a Corporación e o seu alcalde", laiouse.

Lores agradeceu o traballo da Policía Local, por facelo sentir "moi arroupado", ao tempo que lanzou un "chamamento" á empresa de celulosas e ao PP para "que se dediquen a traballar buscando alternativas á localización ilegal en Lourizán da fábrica de Ence".

Ence, fóra da ría

Fernández Lores reiterou os seus argumentos sobre a situación actual que atravesa a pasteira da Ría de Pontevedra por mor da sentenza da Audiencia Nacional en contra da ocupación por 60 anos da superficie de dominio público marítimo terrestre.

"É o resultado dun fracaso estrepitoso da empresa e do Partido Popular", incidiu o alcalde, quen criticou "a incompetencia" desta formación por non cumprir "coa súa obriga de buscar unha alternativa á localización de Ence en Lourizán".

Lores lembrou que "a empresa e o PP sabían hai xa 32 anos que a concesión terminaba en 2018" polo que "tiñan que buscar alternativas" se querían seguir producindo na comarca de Pontevedra.

En cambio, engadiu, "o que fixeron foi tentar enganar, en primeiro lugar aos traballadores e, en segundo lugar, á cidadanía".

Desculpas á cidadanía

Neste sentido referiuse á prórroga outorgada polo Goberno en funcións de Mariano Raxoi "que se demostrou que era ilegal" e que se articulou "saltando incluso a lexislación vixente da Xunta". "Eles son os máximos responsábeis desta situación", reclacou o alcalde.

Por todo iso, pediu ao PP que faga "exame de conciencia" e se desculpe ante a sociedade pontevedresa.

Comentarios