López Rico: “O do nacionalismo nunha soa organización é algo do pasado”

O responsábel de comunicación de Anova avoga por unha “fronte ampla” na que tamén estaría a esquerda estatal que respecte o dereito a decidir de Galiza

López Rico na entrevista na RG
photo_camera López Rico na entrevista na RG

Mario López Rico considera que un escenario de unidade do nacionalismo galego nunha soa organización “remataron” e son algo “do pasado”. O responsábel de comunicación de Anova fixo estas declaracións nunha entrevista no programa 'Galicia por diante', da Radio Galega. Para López Rico, a fórmula acaida é a que se ven cualificando desde esta formación como “fronte ampla”, unha propostas na que combinarían formacións nacionalistas galegas “coa esquerda estatal que respecte o dereito a decidir”.

Chamada de Beiras

Neste sentido, foi Xosé Manuel Beiras quen, no Día da Patria do ano pasado, fixo un chamamento a conformar esa fronte ampla para derrotar ao PP, sinalou Rico, “e houbo organizacións que responderon (a ese chamamento) e outras non”, sinalou.

O membro de Anova avoga, xa desbotada a confluencia do nacionalismo nunha organización, polo que chama “xeografìa variábel” e que consiste en sentar coalicións ou alianzas electorais dependendo de cada convocatoria electoral. Un escenario no que tamén, aclarou, ten que ter cabida a esquerda española que defenda que Galiza tend ereito a decidir.

Pasado/Futuro

Na entrevista na Radio Galega, López Rico profundizou no discurso de que a marcha de Encontro Irmandiño do BNG foi case que obrigada polo ambiente irrespirábel que, sostén, se vivía na fronte nacionalista; alén de sinalar que iso se traducuiu na perda de importante “capital humano” para o Bloque.

Mais López Rico dixo que o importante era mirar para o futuro, no que Anova, asegurou, pasa probas de lume “día a día” e cualificou de “perfecto” o funcionamento do tándem Beiras-Martiño Noriega (alcalde de Teo).

Comentarios