Ana Pontón chama a unha participación masiva o 25X

"Logramos un cambio de tendencia, imos na boa dirección e non vai ter volta atrás"

O BNG dispón de diferentes dados -inquéritos que apuntan ao ascenso en intención de voto, altas de novas militantes- que confirmarían que nos últimos meses a percepción social sobre esta organización tería mudado en positivo. O BNG tería logrado así un cambio de tendencia. Así llo transmite a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, á súa militancia nunha comunicación por escrito. Nas vésperas do 25X, a líder nacionalista chama a unha participación masiva e reafirma: "A soberanía é a caixa de ferramentas para construír un país mellor".

SONY DSC
photo_camera Ana Pontón

A cuarta feira pasada, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dirixiu unha carta ás e aos militantes da formación. Na misiva, á que tivo acceso Sermos Galiza, a dirixente mostra o talante de optimismo, de confianza no porvir, co que encara o Día da Patria Galega, a mobilización-festa por excelencia do nacionalismo galego.

Para Pontón, nos últimos meses o BNG conseguiu -após un proceso de reactualización, renovación e autocrítica- recuperar alento e apoio social. "Para o BNG este non é un ano máis. Este 25 de xullo podemos e debemos mostrar como a recuperación do BNG, que levamos meses percibindo, é xa unha realidade consolidada e que abriu para a nosa organización unha nova etapa, un novo tempo", afirma a líder nacionalista.

"Este 25 de xullo podemos e debemos mostrar como a recuperación do BNG, que levamos meses percibindo, é xa unha realidade consolidada"

"Creo sinceramente que imos na boa dirección e que non vai ter volta atrás", enfatiza Pontón, quen para reforzar este aserto comunica á militancia nacionalista que o BNG dispón neste momento de dados -desde inquéritos á evolución á alza do censo de militantes- que debuxan claramente unha liña ascendente e que significan un cambio de tendencia para a formación soberanista.

Na carta, Pontón pon en valor o proceso de relanzamento do BNG aberto na XV asemblea nacional -febreiro de 2016, o conclave en que é eleita portavoz nacional- e nese sentido declara: "Temos que estar orgullosos e orgullosas dos pasos dados. O BNG abriu un tempo novo, actualizou a súa liña e principios, renovou a súa dirección e modernizou a súa estética e imaxe", di en alusión á mudanza do logo. Un BNG novo que, desde o nacionalismo, oferece "un novo horizonte para a grande maioría".

Pontón debuxa un país con dous proxectos fronte a fronte. Por un lado, un PP que se agacha "baixo os dados macroeconómicos", incapaz de resolver os problemas das persoas e de propor un proxecto "diferente e mellor para todas elas". Polo outro, un BNG que está a resintonizar coa sociedade galega e cos desexos sociais maioritarios dun "cambio de rumbo". "Queremos poder vivir nun país que nos ofreza oportunidades, que non nos expulse fóra, que non nos deixe tirados se a vida se nos torce", di a líder do BNG.

E como se muda de rumo? Pois cunha mudanza do statu quo e tal cousa pasa inescusabelmente polo exercicio do dereito "a decidir nós sobre o noso". "Se o nacionalismo algo ten demostrado é que os proxectos verdadeiramente alternativos son os que poñen en cuestión o statu quo. E en Galiza iso obriga a defender abertamente a plena capacidade de decidirmos como país sobre todo aquilo que nos afecta", escrebe Pontón na súa carta. E remacha: "A soberanía é a caixa das ferramentas necesaria para construír un país mellor".

"Se o nacionalismo algo ten demostrado é que os proxectos verdadeiramente alternativos son os que poñen en cuestión o statu quo"

A misiva conclúe cun chamamento a participar na manifestación que o BNG convoca para o Día da Patria. Soberanía e mobilización, dúas caras da mesma moeda. "Despídome de ti cun chamamento: vexámonos as caras o 25 de xullo en Compostela. Compartamos a alegría de celebrar o Día da Patria nunha Quintana ateigada da esperanza dos novos tempos que se respiran no ar desta casa común que é, para todas e para todos nós, o BNG".

Comentarios