LOBEIRA NON CRE CASUAL QUE A DECLARACIóN ANTE A AN SE VAIA PRODUCIR EN CAMPAñA

BNG ve na citación do xuíz unha "evidente intención" de desprestixiar o nacionalismo

Con sorpresa e perplexidade. Así recibiron o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e o secretario de Organización, Bieito Lobeira, a notificación para declarar como testemuñas perante a Audiencia Nacional o vindeiro 14 de decembro en relación ao proceso seguido contra responsábeis políticos de Causa Galiza.

Bieito Lobeira, secretario de Organización do BNG
photo_camera Bieito Lobeira, secretario de Organización do BNG

Bieito Lobeira ofreceu en conferencia de imprensa todos os dados dos que dispón a formación frontista sobre a notificación recibida polo portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e por el mesmo, como secretario de Organización, para declararen o vindeiro 14 de decembro –seis días antes das eleccións xerais- perante o xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco en relación ao proceso 120/2015, contra os dirixentes de Causa Galiza. Trátase dunha notificación da que se fixo eco a primeira hora da mañá da cuarta feira Sermos Galiza.

O responsábel nacionalista explicou que o 20 de novembro tanto Vence como el recibiron as notificacións para compareceren como testemuñas nun proceso que, segundo admitiu, “non sabiamos que existía”. A raíz de recibiren a notificación da Audiencia Nacional, o BNG solicitoulle ao tribunal español toda a información dispoñíbel. Foi entón cando Lobeira e Vence descubriron “con sorpresa” que se trataba dun proceso de dilixencias previas abertas contra a organización política Causa Galiza.

"Francamente, non entendemos cal pode ser a relación nin como persoas nin como organización política cos feitos implicados na causa"

“Por información que nos transmitiron desde a Audiencia Nacional, o proceso está relacionado coa detención de varios responsábeis de Causa Galiza que, como teñen publicado os medios de comunicación, foron interrogados e, finalmente, postos en liberdade con cargos o pasado 2 de novembro”, explicou Lobeira, quen salientou que no seo do BNG se respira “sorpresa” e “estrañeza” pola situación, “aínda que só sexa en calidade de testemuñas”. “Francamente, non entendemos cal pode ser a relación nin como persoas nin como organización política cos feitos implicados na causa”, salientou o nacionalista.

Alén disto, Bieito Lobeira considerou “moi chamativa” a data de citación diante da Audiencia Nacional, “nós non cremos nas casualidades e non nos parece unha casualidade que esta situación sexa o 14 de de decembro, xusto na metade da campaña electoral”. “Parece que alguén quixese ter unha foto de dirixentes do BNG entrando na Audiencia Nacional seis días antes das eleccións”, indicou o secretario de Organización do Bloque, quen sinalou como conclusión a existencia dunha “evidente intención política de desprestixiar o BNG, co obxectivo de prexudicar as expectativas do nacionalismo que o 20 de decembro representa Nós, Candidatura Galega”.

"A estas alturas pretender desacreditar o nacionalismo galego por estas vías vai máis alá do despropósito"

Lobeira afirmou ao respecto que “sinto dicirlle a quen ten esa pretensión que pica en óso”. “Os galegos e galegas non están para comprar motos, e menos se veñen empaquetadas desde a Audiencia Nacional. A estas alturas pretender desacreditar o nacionalismo galego por estas vías vai máis alá do despropósito. É unha tomadura de pelo aos milleiros de galegos e galegas que levan anos confiando no BNG”, engadiu. “O Bloque quere deixar moi claro que nin a Audiencia Nacional nin ningunha campaña interesada de desprestixio nos van desviar un milímetro da nosa prioridade política inmediata: conseguirmos o 20 de decembro o mellor resultado electoral para o nacionalismo galego que representa Nós, Candidatura Galega para defender os intereses desta nación e dos galegos e galegas”, expuxo.

O dirixente nacionalista acabou a súa intervención diante dos medios cunha brincadeira ao redor da data de citación, “estou pensando en pedir un aprazamento da comparecencia até o 28 de decembro, día dos Santos Inocentes”. “Sería o máis acaído, tendo en conta o alcance deste disparate”. 

Na mesma liña que Bieito Lobeira, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, apuntou na mañá desta cuarta feira na súa conta de Twitter que "ser citados como testemuñas o 14D polo asunto Causa Galiza é un despropósito, pero farémolo con total tranquilidade coma calquera testemuña". Tamén fixo alusión á data das comparecencias e na súa finalidade.


Comentarios