CONVOCAN UNHA REUNIóN PARA ESTE DOMINGO EN COMPOSTELA

Listas municipalistas lanzan un "SOS" a prol da unidade a plataformas e partidos

É un SOS expreso. Tanto que até a palabra aparece no título da nota de imprensa que acaban de enviar aos meios. Candidaturas municipalistas -un pouco na esteira do manifesto da cultura- piden un último esforzo a prol da unidade.

Manifesto Miñor. António Araúxo, vice-alcalde de Gondomar.
photo_camera Manifesto Miñor. António Araúxo, vice-alcalde de Gondomar.

Non desfalecen as voces que non se resignan a que finalmente os mundos IpU e Marea Galega vaian por separado ás urnas o 20-D. Se esta terza feira foi unha moito significativa nómina de persoas da cultura as que facían expreso o apelo á unidade, esta quinta feira é un elenco de candidaturas municipalistas as que toman o testemuño para reclamaren a confluencia nunha única lista de unidade.

É un apelo e é tamén unha convocatoria, a dunha reunión o próximo domingo 25 de Outubro no Hotel Apóstol Santiago,a partir das 12 horas. Están chamados a participar as dúas plataformas cívicas -Iniciativa pola Unión, o Encontro Cidadán por unha Marea Galega-, ben como os partidos políticos e as "candidaturas municipais e mareas locais".

O obxectivo sería "asegurar a presenza dun grupo galego nas Cortes españolas"

As candidaturas municipalistas que lanzan o SOS aspiran a "conformar unha única candidatura galega que serva de expresión política da maioría social agredida e do dereito democrático a decidir para asegurar a presenza dun grupo galego nas Cortes españolas".

Estamos ante unha iniciativa das seguintes listas locais de "unidade popular": “Manifesto Miñor”-Gondomar; “Somos Cabanas”-Cabanas; “Chantada-CUP”-Chantada; “Movemento Salceda”-Salceda de Caselas; “CUP-Agromar”-Sober; “Agrupación Veciñal de Fornelos”-Fornelos; “Xinzo Adiante”-Xinzo de Limia; “Riada do Tea”-Ponteareas; “Somos Fene-CUP”-Fene; “Somos Maioría Vilagarcía”-Vilagarcía.

"Ata agora estivemos á espreita, mais agora queremos falar, pois non queremos ser cómplices de que o dia 20-D teñamos que optar entre dúas opcións semellantes. Iso sería un fracaso e sobre todo sería unha frustración para miles de galegos por moitos anos", din nun comunicado á imprensa.

Comentarios