ELECCIóNS XERAIS

As listas municipalistas esixen responsabilidade aos axentes políticos galegos para concretar unha candidatura galega

“Responsabilidade, xenerosidade e un último esforzo”. É o que lle piden representantes das candidaturas municipalistas ao Encontro cidadán por unha Marea Galega e a Iniciativa pola Unión, así como ás formacións políticas, para concretar unha candidatura galega de cara ás eleccións xerais.

Representantes dun total de 36 candidaturas municipalistas mantiveron hoxe un encontro con responsábeis das coordinadoras da Marea –Quique Costas e Marilar Aleixandre- e de IpU –Xosé Luís Rivas, “Mini”, Elvira Souto e Olalla Rodil- para lles esixiren “responsabilidade, xenerosidade e un último esforzo”.

Baixo o lema “SOS. Evitemos a frustración” transmitíronlles a ambas as plataformas e aos partidos políticos o seu chamado coa vontade de lograr unha “candidatura galega que sirva de expresión política da maioría social agredida, do dereito democrático a decidir e para asegurar unha ampla presenza dun grupo galego nas Cortes españolas”.

Convocada polas candidaturas Manifesto Miñor; Alternativa Veciñal de Pazos de Borbén; CUP de Chantada; Movemento Salceda (veu o alcalde), Riada do Tea de Ponteareas; CUP Agromar Sober, Somos Cabana, Adiante Xinzo, e Somos Maioría de Vilagarcía de Arousa e Somos Fene, a xuntanza foi cualificada de “moi positiva” para as persoas asistentes, que falaron “con claridade e respecto” e con “autocrítica e reflexión”. “Falamos como falan as persoas que traballamos a pé de obra, sen dialécticas alambicadas e mesmo con crueza”, sinalaron nun comunicado de prensa.

Antón Araúxo: "Brindámonos a ir de cascos azuis a mediar se é necesario"

En declaracións a Sermos Galiza, Xosé Antonio Araúxo, do Manifesto Miñor, asegurou que nos “brindamos a ir de cascos azuis a mediar se é necesario”. “Non queriamos que nos contasen que pasa e cales son as razóns políticas de se hai ou non unidade, non nos interesan as tropas, quixemos que nos escoitasen”, sinala. Araúxo salientou que lle transmitiu ás plataformas que as candidaturas municipalistas, que “representamos milleiros de persoas” ao longo do país, “non queremos ser responsábeis da frustración”. Afirmou que se non se acada unha candidatura galega haberá quen propoña a abstención activa.

Comentarios