En Marea resolverá a incógnita das candidaturas entre hoxe e mañá

As listas da incertidume

Comezan as primarias de En Marea. Entre a cuarta feira de hoxe e a quinta de mañá, días 17 e 18 de agosto, En Marea porá fin ás cávalas sobre o consenso, a confluenza e as cabezas de cartaz que se veñen facendo dende que Feijóo colocase as eleccións galegas para o día 25 de setembro, adiantando a data sobre a súa promesa de situalas en outubro.

photo_camera O xeito de presentarse a primarias dentro de En Marea contradí o anunciado por Carmen Santos após a consulta a militancia de Podemos Galiza.

As primarias de En Marea comezan hoxe coa primeira consecuencia de invalidar as primarias que xa celebraba Podemos Galiza por separado. A formación morada incluía 180 persoas no proceso de elección de listas electorais, das cales só 84 ficarán incluídas no proceso constituínte da Marea.

Pablo Iglesias (Twitter): “Non hai nada por encima da unidade cando nos xogamos o cambio en Galiza. Podemos estará con En Marea sexa cal sexa a fórmula”

A pasada sexta feira, 12 de agosto, Pablo Iglesias e Xulio Ferreiro anunciaban vía Twitter e redes sociais a unión final entre o partido morado e a marea constituída como partido instrumental no pasado 30 de xullo. Esta unión foi considerada como unha disolución de Podemos dentro de En Marea por uns, mais foi entendida como todo o contrario dende a dirección central estatal, ilustrada por Pablo Echenique cun barco pirata lilá, representando a Podemos dentro do que chamou: Marea Morada.

Os sectores críticos de Podemos Galiza entenderon esta unión como unha disolución no partido instrumental da Marea. Esta sensación tivo o seu altofalante en Xuntos Podemos, un pequeno grupo que declarou en rolda de prensa a súa independenza con respecto a Podemos Galiza, mais sen tomar o paso de escindirse completamente.

En Confluencia Podemos e Contigo Podemos son as listas que presenta a formación morada ás primarias de En Marea

Con todo, os membros de Podemos presentan as súas propias listas ás primarias de En Marea: Na provincia de Ourense, En Confluencia Podemos inclúe aos membros de Podemos Galiza e encabezada por Ares Jiménez Soria, xunto a Contigo Podemos da que é número un Alejandro Hermida Prada. Baixo estes nomes, os membros de Podemos inclúense nas dúas listas en cada unha das catro provincias: En Pontevedra destaca Carmen Santos ao fronte da lista de Contigo Podemos e Marcos Cal Ogando por En Confluencia Podemos. Na Coruña, encabezan estas listas Magdalena Barahona e Luca Chao Pérez e en Lugo son Josito Pérez Afonso e Natalia Prieto, os respectivos números un.

En total, En Marea presenta, integrando tanto membros de Podemos, como de Anova, Esquerda Unida, EQuo e as Mareas municipais, seis candidaturas por A Coruña -Onda Verde, Unha Marea para un País, A Marea do Pobo, Mar de Todas, En Confluencia Podemos e Contigo Podemos-; nove por Pontevedra, baixo os nomes de Marea Brava, Mareas Abertas (En Común), Onda Verde, Tendendo Pontes, Marea da Clase Traballadora, En Movemento - Pola Creba Democrática, Marea do Pobo, En Confluencia Podemos e Contigo Podemos. En Lugo son cinco listas, as que forman as candidaturas: Lugo Plural, Marea do Pobo, Rede Mareas de Lugo, En Confluencia Podemos e Contigo Podemos e en Ourense existen outras cinco: Somos Quen, Marea das Terras de Ourense, Somos Marea, En Confluencia Podemos e Contigo Podemos.

Dúas mulleres e dous homes deberán ser o número un de cada unha das provincias galegas

As candidaturas preséntanse a modo de lista fechada e as votacións realízanse elixindo unha das relacións de candidatos dispoñíbeis. Todas estas agrupacións están sometidas a un criterio de paridade de xénero, no que homes e mulleres terán representación a partes iguais e, se colocarán a xeito de 'cremalleira' alternando unha persoa de cada xénero. Un criterio que se estende ao número de cabezas de lista, unha vez sexan elixidas. Dúas mulleres e dous homes deberán ser o número un de cada unha das provincias galegas.

As eleccións primarias ficaron abertas desde primeira hora da mañá para todas aquelas persoas que teñan asinado o manifesto dos alcaldes. O xeito de votar pode ser quer telemático, quer presencial, con mesas electorais en diversas localidades de cada circunscrición dispostas durante os días 17 e 18 de agosto.

Comentarios