Esquerda Unida: A lista de Eva Solla imponse ao sector de Yolanda Díaz

Recibiu un 70% do apoio da militancia de EU
Eva Solla PCE EU Común da Esquerda
photo_camera Eva Solla

Eva Solla continuará á fronte de Esquerda Unida (EU) ao imporse á lista que encabeza o ex alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, e que fecha Suso Díaz, pai da ministra Yolanda Díaz. 

Nunhas votacións decorridas de forma telemática e presencial entre o 30 de xuño e o 4 de xullo que serán referendadas na XIII Asemblea Nacional do próximo 10 de xullo, a militancia apoiou de forma maioritaria a proposta política e organizativa da actual dirección, encabezada por Solla, fronte ao proxecto alternativo, que apostaba por continuar coa senda das confluencias. 

A lista de Solla obtivo 69,71% dos votos polo 26,5% da lista alternativa

Así, o rumbo elixido quere "fortalecer" Esquerda Unida e facela "visíbel" após unha etapa en que consideran que os procesos de confluencia e a unión con forzas como Podemos e Anova debilitaron a capacidade de proxección exterior de EU. Todo iso sen renunciar á confluencia, sempre que se produza, remarca o documento de balance de xestión, no marco dunhas relacións "de equidade" á hora de tomar decisións e da visibilización externa das marcas.

Críticas á "ausencia de traballo de Gómez-Reino"

O documento critica a "ausencia de traballo" de Antón Gómez-Reino, candidato da confluencia nas pasadas eleccións galegas e líder de Podemos na Galiza. Repróchanlle ademais que non cumprise a promesa de deixar o escano no Congreso para centrarse na política galega -ademais, sería relevado no Congreso por unha membro de EU- e que a campaña das galegas se desenvolvera "nun clima de control" por parte de Podemos coa intención de "reducir e centrar" a estratexia electoral "nunha soa persoa".

A dirección que encabeza Solla tamén apunta as súas críticas a Yolanda Díaz, á que afean a súa decisión de abandonar EU e que "o traballo coordinado co grupo de En Común no Congreso non fose posíbel".

A lista de Solla obtivo 69,71% dos votos polo 26,5% da lista alternativa, na que figuraban, ademais de Suárez, outras caras do chamado 'municipalismo' como as edís de Compostela Aberta María Rozas e Noa Morales ou o ex deputado Juan Fajardo. Destaca a ausencia en ambas as listas do actual secretario de Organización e portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez.

Comentarios