Compostela Aberta presenta unha lista "plural, feminista e preparada" para retornar á Alcaldía

A edil María Rozas encabeza unha candidatura da que caen por decisión propia Jorge Duarte e Branca Novoneyra.
Presentación da candidatura de Compostela Aberta para as eleccións de maio. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Presentación da candidatura de Compostela Aberta para as eleccións de maio. (Foto: Nós Diario)

Coa concelleira María Rozas á fronte, Compostela Aberta presentou esta sexta feira o primeiro tramo da súa lista para as eleccións municipais do 28 de maio, que conta con seis mulleres e catro homes neses dez postos de saída e da que a formación de esquerda quixo destacar "o seu enorme capital humano". A cabeza de lista salientou que o equipo que deu a coñecer é "reflexo dunha Compostela Aberta plural, aberta, feminista, con experiencia de goberno [entre 2015 e 2019, con Martiño Noriega de rexedor] e con ideas claras de futuro para mellorar a vida da xente".

O número dous da candidatura é actual edil do grupo Xan Duro, seguido da doutora en Ciencia da Comunidade, activista e profesora no ensino secundario na familia profesional de Servizos Socioculturais Comba Campoi. O cuarto na lista de CA é o actual coordinador do grupo municipal, Miguel Penas, mentres que a continuación entra unha traballadora autónoma que rexenta a súa propia axencia de seguros, Graciela Carro.

No sexto posto está o músico Javier García e no sétimo, a profesora de Educación infantil Marisa Álvarez. Este primeiro tramo da lista complétano o educador social Jaime Bello, a avogada no ámbito da mobilidade Luisa Pasín e a que foi até o pasado mes de outubro portavoz de CA, Marta Lois, a quen a ministra Yolanda Díaz sinalou recentemente como a posíbel 'cabeza visíbel' na Galiza do seu novo proxecto político, Sumar.

Rozas destacou que "un dos grandes valores" da lista é que é un "fiel reflexo dun Santiago que se constrúe coa súa xente e non só desde o Concello". Así, puxo en acento en que "tamén está moi ben representado o termo municipal", xa que hai candidatos "dos barrios, do Ensanche e do rural".

Por outra parte, en resposta a preguntas aos medios, apuntou que foron Branca Novoneyra e Jorge Duarte —actualmente edís da corporación municipal— quen decidiron por decisión propia non repetir na lista. Con todo, Rozas insistiu en que está "segura" de que "seguirán traballando pola cidade".

"Desde as súas orixes", subliñou a candidata á Alcaldía, CA tivo o convencemento de que "é preciso combinar experiencia e renovación para asegurar o futuro dunha organización que está plenamente consolidada en Santiago e que vai seguir sendo referente das políticas municipais verdadeiramente transformadoras".

Afirmou sentir, aliás, "un especial orgullo porque esta é unha lista feminista, non só porque este primeiro tramo estea constituído por máis mulleres que homes, senón porque todas e cada unha das dez persoas que o integran teñen o convencemento de que o futuro é feminista, como escoitabamos hai poucos días polas rúas de Compostela".

"Procurouse unha lista plural no que ten que ver cos perfís profesionais, mesmo coas idades dos e das candidatas, porque queremos unha lista diversa como diversa é Compostela", sentenciou Rozas na súa intervención.

Comentarios