“A lingua é útil para todo, mesmo para o trap”, di Pontón á mocidade

A líder do Bloque defende que o galego ten futuro revertendo as políticas “lingüicidas” do Goberno de Núñez Feixoo e logrando que avance entre a xente moza, a quen fai unha apelación directa: “Quero dicir á mocidade que o galego é útil para todo, para relacionarse, para xogar, para comunicarse, para ligar, para trapear, para o reguetón...”.

Encontro entre Ana Pontón e o presidente da RAG, Víctor Freixanes, e membros da comisión executiva da institución (Foto: Nós Diario)
photo_camera Encontro entre Ana Pontón e o presidente da RAG, Víctor Freixanes, e membros da comisión executiva da institución (Foto: Nós Diario)

A sede da Real Academia Galega (RAG) acolleu este 30 de xuño un encontro entre a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o presidente da institución, Víctor Freixanes, e membros da comisión executiva, como Margarita Ledo e Marilar Aleixadre; para partillar análises sobre a situación da lingua galega.

A líder nacionalista amosouse convencida de que o galego ten futuro revertendo as políticas “lingüicidas” do Goberno de  Núñez Feixoo e logrando que avance entre a xente moza, a quen fixo unha apelación directa: “Quero dicir á mocidade que o galego é útil para todo, para relacionarse, para xogar, para comunicarse, para ligar, para trapear, para o reguetón...”.

Pontón puxo en valor o papel das persoas neofalantes, “que son motivo de esperanza”, dixo, "nun momento en que as políticas contra o galego do PP levan o idioma a unha situación crítica, á que se lle pode dar a volta sempre que haxa vontade en apostar pola normalización da nosa lingua en todos os ámbitos”.

No encontro abordouse a repercusión que está a ter no ensino a aplicación do decreto do galego da Xunta. Precisamente, un estudo realizado pola propia RAG amosa que 40% do alumnado castelanfalante remata a ESO cunha escasa competencia en galego, sobre todo á hora de falalo.

“Un PP ao que se lle enche a boca falando de liberdade, no caso da lingua o que provocan as súas políticas é privar miles de mozas e mozos da liberdade de poder escoller o idioma que queren utilizar posto que dificilmente se vai optar por unha lingua que non se domina”, alegou Ana Pontón.

Na práctica, denunciou, “iso significa frear o uso do galego e incumprir o Estatuto e a Lei de normalización lingüística que di con claridade que é obriga do sistema educativo conseguir que as nenas e nenos acaben a súa escolarización obrigatoria co mesmo dominio das dúas linguas, mais hoxe iso non se cumpre en 40% do alumnado que vén dun entorno castelanfalante”, explicou Pontón. Por iso urxiu a mudar a situación derivada da aplicación do decreto no ensino e propuxo a posta en marcha dunha mesa, integrada por todos os sectores e axentes sociais, para articular unha nova política lingüística na educación "capaz de frear a desgaleguización dos últimos anos" e que favoreza o avance do idioma.

“O galego ten que ser lingua vehicular no ensino”, recalcou Pontón, sen esquecer a importancia de ter referentes en galego, en particular para as novas xeracións, “referentes no social, no ámbito deportivo ou nos medios públicos de comunicación que deben apostar por unha canle en galego para o público infantil e xuvenil con contidos específicos”.

Comentarios