Lidia Senra proclama que a alternativa é factíbel e que a liderarán "os pobos agredidos"

AGE fechou a campaña na Coruña, nun novo mitin da tripla Senra-Beiras-Yolanda. "Como Syriza podemos rebelarnos e acadar a vitoria na loita pola dignidade", dixo a candidata.

lidia senra
photo_camera Lidia Senra

Senra convocou ás e aos eleitores a votar o domingo para "combater a ameaza" dunha UE que, dixo, vai traer "máis precaridade laboral" porque ten entregado o "poder" ás grandes corporacións transnacionais.

A candidata de AGE -número 5 na listaxe que encabeza Willy Meyer (IU)- apelou ao exemplo de Syriza para afirmar que si é posíbel "rebelarnos e acadar a vitoria na loita pola dignidade".

Atacou duramente a política anti-social de Bruxelas e voltou a alertar, foi un dos seus temas favoritos en campaña, sobre a negociación dun tratado de libre comercio entre os EUA e a UE, un acordo que, advertiu, envolverá consecuencias sociais "gravísimas", entre as que citou a destrución do campesiñado, alén de "atinxir a cidadanía en xeral" polo espallamento dos "produtos transxénicos".

A número 1 de Anova a Europa denunciou que o tratado EUA-UE fai parte da "axenda oculta" do bipartidismo, contra a que batalla "a soberanía dos pobos".

Titulares de Beiras

Por súa parte, Beiras deixou dous titulares. Primeiro, o 25-M ten que ser "un día de rosas para a esquerda social e de loita para a Troika". Segundo, "un dos meus empeños hoxe é que xurdan lideranzas colectivas".

Comentarios