Lidia Senra: ''Espero que o 25M sexa a primeira das derrotas do neoliberalismo''

A candidata de AGE na lista da 'Izquierda Plural' defende erguer unha Europa onde ''os dereitos dos cidadáns e dos pobos'' sexan o importante ''e non os mercados''. Está convencida de que o domingo, o bipartidismo pode recibir un bon correctivo.

Lidia Senra
photo_camera Foto: AGE

Lidia Senra (Pobra de Brollón) é a candidata de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) nestas eleccións do 25 de maio. Ocupa o posto nº5 da listaxe da 'Izquierda Plural' que encabeza Willy Meyer (IU) e as enquisas e sondaxes dan por seguro que esta labrega orgullosa de selo sente no Europarlamento.

-Pasado xa o ecuador da campaña, que valoración fai de como está a decorrer?

-Creo que hai dous elementos a salientar. O primeiro, é o 'apagón informativo' a nivel de grandes medios sobre esta campaña e estas eleccións. Semella que hai un interese do bipartidismo para que non haxa interese da cidadanía, que non se implique nestas eleccións. Un exemplo significativo é o da propia Xunta Electoral a pedir o Parlamento europeo que non empregue a chamada ao voto porque absterse é tamén un dereito. O segundo elemento é que a nosa campaña está a decorrer con moito ánimo, con moita calor da xente e que sentimos nos actos. Iso permite coller forzas neste labor que temos.

"Non cremos nesta Unión Europea, si nunha Europa onde os dereitos dos cidadáns estean por diante dos intereses do capital"

-O seu lema nestes comicios é 'É a hora do pobo'. Que mensaxe queren transmitir?

-Temos claro que a Unión Europea que se foi construíndo polos grandes partidos fíxose contra os pobos, de costas á cidadanía, contra as maiorías sociais. Non cremos nesta Unión Europea mais si que cremos nunha nova Europa, na que se respecte o dereito dos pobos a decidir, e onde desenvolver políticas feitas polo pobo e para o pobo. É un lema co que queremos dicir que hai que poñer os dereitos das persoas por diante dos intereses do capital.

-Non como agora...

-As decisións que se toman na Unión Europea, quen as toma? O Banco Central Europeo, a Comisión europea, que non é elixida pola cidadanía. Iso non vale. O que queremos é unha Europa onde os seus organismos sexan electos, e tamén controlados, polos cidadáns e cidadás.

-Como resumiría nunhas ideas chave as propostas que defenden nesta campaña?

-Falei antes de poñer os dereitos das persoas por diante, podería ser esa. Temos claro que queremos políticas que permitan a toda a cidadanía galega vivir do seu traballo, políticas que respecten o dereito do pobo galego á soberanía alimentar. Hai que rachar coas políticas neoliberais e potenciar, apostar polo emprego e polos sectores produtivos do noso país.

"Son muller, labrega e nacionalista galega. Os espazos institucionais están en mans doutros. Queremos ocupalos para os poñer ao servizo das clases populares"

-Non está afiliada a ningunha organización política, así que... como se meteu nisto?

-(sorrí) A min como muller, labrega e nacionalista galega móvenme dous obxectivos. Ocupar un espazo nas institucións para o poñer ao servizo das clases populares, como a labrega. Son espazos normalmente en mans doutros, e que agora poden pasar a ser das clases populares. A isto engado que como nacionalista motívame moito poder traballar cos principios da nosa nación na alianza da esquerda rupturista europea para facer outra Europa.

-Recoñécese e defínese como nacionalista. Non é isto contraditorio con ir nunha candidatura estatal?

-Nestas eleccións listas estatais son todas porque a circunscrición é a nivel de Estado, Por iso todos procuraron alianzas e poden recibir votos de calquera lugar. Nós, nestes momentos, nesta situación de emerxencia, valoramos a importancia das alianzas. E iso non quer dicir, en absoluto, que as organizacións nacionalistas abandonemos nos nosos principios e plantexamentos.

-Unha das cuestións que está a centrar máis a súa intervención nestes días é a da corrupción como mostra da 'decrepitude' do sistema...

-A corrupción é unha consecuencia do sistema e das políticas que se están a aplicar, da falla de transparencia, dos procesos de privatización polo que se traspasan cartos públicos a petos privados... Hai un informe da Comisión europea que cifra en 120.000 millóns de euros anuais o que custa a corrupción ao erario público. ´

-Aventura algún resultado para o domingo?

-Esperemos que o bipartidismo leve un bo golpe. E creo que a esquerda rupturista vai entrar con forza. O 25 de maio vai ser a primeira das derrotas das políticas neoliberais.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios