Lidia Senra denuncia que 600 mil galeg@s viven "en situación de pobreza".

Senra, Beiras e Yolanda Díaz protagonizaron o penúltimo mitin de AGE, en Ourense. "A esquerda non é un partido, é a cidadanía", dixo Beiras.

age
photo_camera Senra e Beiras

A situación social foi o argumento básico que nucleou a intervención de Lidia Senra. A número 5 da candidatura que encabeza Willy Meyer a Europa considerou "intolerábel" que a profesión "maioritaria" da xente moza na Galiza sexa procurar traballo fóra da terra. Denunciou que no noso país máis de 600 persoas vivan "en situación de pobreza" e que un de cada cinco nenos non estexa "correctamente alimentados".

O dramatismo das condicións sociais xustificaría, alegou, xulgar "aos gobernantes" por "neglixencia" ao ter levado ao "pobo" a "esta situación dramática, coa metade dos mozos sen emprego e outros 100.000 obrigados a marcharen pola crise".

"A esquerda non é un partido, é a cidadanía", afirma Beiras

Por súa parte, Beiras lanzou un ataque durísimo ás elites políticas que gobernan o Estado español e Europa. Referiuse a elas como "panda de chimpancés que aplauden como ven facer aos demais". Son unha "excrecencia e abono contaminado" que "hai que limpar".

A saída está á esquerda, de acordo con Beiras, quen advogou por organizarse "arredor dunha esquerda social". "A esquerda", esclareceu, "non é un partido, é a cidadanía". Unha cidadanía que ten que loitar para "defender algo que a humanidade de Europa conquistou en 1789 coa Revolución Francesa".

Comentarios