Lidia Senra: ''Cómpre alianzas entre a esquerda que queira rachar co rumbo desta UE''

A candidata de AGE na lista de Izquierda Plural afirma na entrevista de 'Galicia por Diante' (Radio Galega) que pretenden facer do Europarlamento a ''caixa de resonancia dos problemas da rúa'' e facer fronte ''ás políticas ditadas polo gran capital desde a UE''.

lidiasenra
photo_camera Foto: Galicia por Diante

Esta quinta feira foi a quenda de Lidia Senra na rolda de entrevistas que 'Galicia por Diante' (Radio Galega) fai a candidat@s galeg@s na cita europea do 25 de maio. Senra enfatizou que fai falla un “cambio radical” das políticas da Unión Europea, unhas políticas “que responden aos intereses do gran capital” e xeran “paro, pobreza, emigración”. Un escenario, apuntou a candidata, que ten que ser revertido. De aí a defensa da coligación na que AGE vai a esta cita. “Imos nunha coligación a nivel de estado de 12 ou 13 organizacións, non imos integrados en”, sinalou.

Senra considera que “neste momento, coa gravidade da situación que estamos a padecer, é fundamental procurar alianzas con forzas que estean dispostas a facer fronte a iso”. Por iso, engadiu, “cómpre alianzas fortes coa esquerda que queira rachar co rumbo desta Unión Europea”. A preguntas sobre a UE, afirmou que nestes momentos “non está en debate para nada o de saír da UE, senón cambiar as políticas”

“Son nacionalista”

Lidia Senra definiuse como “nacionalista” e explicou que “a miña experiencia é que se pode manter o ideario nacionalista e traballar con organizacións que sen selo” compartan traballo e obxectivos para mudar a realidade.

Alexis Tsipras en Compostela

Senra lembrou que de saír deputada o seu voto irá para o candidato de Syriza e que opta á presidencia da Comisión europea

Este domingo, 27 de abril, e no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela (11:30) Lidia Senra e Tsipras tomarán parte nun mitin político no que tamén estarán presentes Xosé Manuel Beiras ou Willy Meyer (cabeza de lista de IU).

Comentarios